Entrevista de Inés Pena Franco a Samuel L. París en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Os seus inicios no mundo escritor remóntanse a xa hai preto de 20 anos e sempre cunha obra que non deixa de sorprender, pero, quen dirías que é hoxe Samuel L. París? Como se definiría artisticamente?
– Samuel L. París (SP): Pois así como cando empecei era moito máis referencial e trataba de tirar abaixo certas cousas, pois estaba no fondo da aula da creación da literatura soltando chanzas e sinalando cousas que non me gustaban; a día de hoxe estou máis no labor de crear. De conformar as cousas desde un punto de vista máis positivo para poder facer o que aínda non está feito. Igual a evolución na que estou agora mesmo é esa: construír no canto de deconstruír.
Artisticamente definiríame como unha persoa que intenta divertirse en todo o que fai, que trata de estar conectado cos proxectos. Tampouco me insiro nunha cousa en concreto, ao final fixen música, diferentes literaturas… Creativamente a cabeza vaime levando por diferentes sitios que me gusta probar, nuns asento e noutros saio correndo, mais sempre trato de probalos todos. Gústame moito xogar cos formatos, entendelos, experimentar…. Así que si, ese probar cousas novas xunto co humor posibelmente sexa o que máis e mellor me defina.
– ND: Aparentemente xa o título da súa última peza poética, O tenro é o salvaxe, é moi potente, como nace esa tensión antonímica de enfrontar “tenro” e “salvaxe”?
– SP: Pois un pouco do que somos a naturalidade de cada un de nós. Polo menos desde o meu lado, xa no mesmo día a día e mesmo en horas conviven esa parte máis tenra e vulnerábel que agochamos baixo a tona con esa parte máis salvaxe que pretende saír. Ao final a vida está cargada de moitos tenros e salvaxes, e precisamente é iso, para nada as vexo como opostas ou á marxe, senón bastante identificadas. (…)”