Queremos Galego denuncia que os Orzamentos de 2026 responden ao Plan da Xunta para “o enterro do galego”

Desde Queremos Galego:
Queremos Galego denunciou en rolda de prensa que os orzamentos de 2026 confirman que a Xunta non ten intención de enfrontar a emerxencia lingüística. O voceiro da plataforma de defensa da lingua, Marcos Maceira, denuncia “a ausencia de calquera referencia á lingua na lei de medidas fiscais que acompaña os orzamentos, agás para eliminar o seu coñecemento para acceder a listas de contratación da Xunta”. “É significativo”, asegura Maceira, “que só o 0,09% dos orzamentos teña como obxectivo a promoción do galego mais tamén que só se nomee para excluílo ou dotalo raquiticamente”.
A plataforma de organizacións en defensa da lingua salienta que os orzamentos non prevén o cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), con medidas previstas como incorporar cláusulas que aseguren o galego en todos os contratos, acordos, convenios ou axudas da Xunta de Galiza, que nin sequera suporían incremento do gasto. “O cumprimento dos acordos de 2004”, afirma o seu voceiro , “tería un claro efecto multiplicador na presenza do galego en todos os ámbitos da vida social que a Xunta desbota”. “Neste sentido”, denuncian, “se estes orzamentos responden a algún Plan é só ao do pretendido enterro do galego”.
Marcos Maceira explica que, “malia o conselleiro de cultura, lingua e xuventude ter enfatizado na presentación dos orzamentos de 2026 no Parlamento que o investimento en lingua se enmarcaba nun proxecto amplo, plural e con implicación de todas e cada unha das áreas de goberno”, o certo é que este investimento se limita exclusivamente ao programa 151A de fomento do galego, que executa en solitario a Secretaría Xeral de Política Lingüística. “O programa 151A de fomento do galego”, lamenta Maceira, “non só non é transversal ás distintas áreas de goberno, senón que é o de menor contía dentro da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, situándose na posición 78 de entre os 108 contemplados nos orzamentos de 2026”.
A dirección dos orzamentos é contraria ao proposto pola plataforma Queremos Galego na asemblea multitudinaria de miles de persoas e centos de colectivos celebrada en novembro de 2024 en Compostela: asegurar os máximos niveis de docencia e materiais didácticos en galego; o pleno dereito de uso do galego, coa atención e a oferta correspondente en todo tipo de servizos; accións para que se cumpran os mínimos legais de presenza de galego na oferta radiofónica e audiovisual e oferta positiva en galego en todos os servizos da administración pública con disposición de galego en programas informáticos, información, formularios, impresos e na atención en todas as súas formas e coñecemento de galego por todos/as os/as traballadores/as públicos/as.
Neste sentido, Maceira denuncia a “ausencia transversal” do galego nos orzamentos de xustiza, sanidade, deportes, inclusión social ou economía. Especialmente clamorosa é, para as entidades de defensa da lingua, a ausencia dun orzamento imprescindíbel para garantir a posibilidade real de uso do galego na xustiza, o da tradución do software de xestión empregado no sector, “o que non impediu que na presentación dos orzamentos o conselleiro reiterase o seu compromiso coa tradución e a implementación con versión en galego do programa Atenea”, lamenta Maceira.
No ensino, a Xunta reduce a 450 mil euros (2,6 por estudante de ensino obrigatorio ou 375,62€ por centro) as achegas á dinamización lingüística, 230 mil menos que no 2004. E na administración local a 350 mil euros, que só permiten axudar con entre 3000 e 9500 euros para servizos de normalización a 30 dos 313 concellos. No referente á formación do funcionariado, Queremos Galego destaca a redución dos orzamentos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), que un ano máis non contará co departamento de formación e planificación lingüística que prevía o PXNLG de 2004. Nas denominadas “Actividades de formación para a normalización e dinamización lingüística”, a Xunta mantén a mesma cantidade que en 2025, un 40% menos que en 2004, ano da aprobación do PXNLG.
No ámbito económico, a Xunta anunciou na memoria da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude e por parte do Conselleiro da creación dun selo de empresa en galego semellante ao que xa outorga a Mesa a aquelas empresas que certifican algún dos 5 niveis de uso do galego. No entanto, Maceira explica que a memoria de beneficios fiscais non contempla nada ao respecto, nin bonificación no tratamento fiscal dos custos nos que incorren as empresas que indicaba o PXNLG, nin a promoción da facturación en galego, nin plan de axudas para o acceso ás TIC en galego. “A ausencia destas medidas non impide que se destinen 1.350.000 euros a transferencias correntes a empresas privadas en programas de promoción do galego”, denuncia.
“As actuacións previstas sobre a lingua cínguense ao programa de fomento do galego que xestionará a SXL”, afirma Maceira, ”e este programa conta cunha dotación inferior en máis do 30% ao dos últimos orzamentos de Fraga, en 2004, 0,9€ por cada 1000€ de investimento público”. “Na comparación cos orzamentos de 2025”, remata Maceira, “chama a atención que as partidas con maior suba e dotación son aquelas destinadas á propaganda e que permiten un maior uso discrecional do diñeiro público: campañas sen medidas concretas e eficaces e transferencias de capital a empresas privadas para fomento do galego, ademais de estudos que, con certeza, non terán como obxectivo analizar a emerxencia lingüística para procurar revertela”. Estes tres conceptos disporán dun total de 5.600.000€ fronte aos 53 mil euros das accións de promoción da lingua galega ou os 300 mil á edición en galego fronte a 1,2 millóns de 2004.
Descarga aquí o documento O galego nos orzamentos de 2026.”