Héctor Cajaraville: “Intento que quede un oco para a esperanza e o título do libro, ‘Aurora austral’, leva cara aí”

Entrevista de Sergio Casal a Héctor Cajaraville en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): É esta novela un aviso do lugar ao que podemos chegar como sociedade?
– Héctor Cajaraville (HC): Si que o é. Eu son lector de distopías e tiña ganas de escribir unha. Penso que cada vez de xeito máis acelerado, estas propostas literarias presentan escenarios que xa se están a dar dalgún modo no noso presente. O que eu conto neste libro, que en parte é unha distopía futurista, ten detalles que xa están instaurados na sociedade actual. Ademais, hai cousas das que falo na novela, como certos xeitos de controlar os individuos a través da tecnoloxía, que pode ser que xa sucedan hoxe.
– ND: O inicio desorienta o lector ou lectora tanto como a Mei. Por que é importante que o lector comece coa mesma información que a protagonista?
– HC: Eu quero que o achegamento á novela se dea de modo diferente ao convencional. Aquí hai unha especie de regresión temporal. Na primeira parte da novela, os días van cara atrás, en lugar de cara diante, e vas entendendo de que vai a historia a medida que vas lendo o dos días anteriores. Funcionoume na primeira parte e a intención era trasladar dalgún modo ao lector a inquedanza da protagonista, á que lle acaba de rebentar literalmente o seu mundo. Que a persoa que lea se sinta descolocada e vaia descubrindo mentres avanza. (…)”