Manuel López Foxo: “O libro pretende convidar a reflexionar sobre o país, sobre o que fomos e o que podemos ser”

Entrevista de Sergio Casal a Manuel López Foxo en Nós Diario:
“Manuel López Foxo (Ortigueira, 1960) publica A construción da nación desde o realismo político (Lorref), unha reflexión que visita o galeguismo histórico para repensar o nacionalismo actual. A obra compila artigos do autor e apela ao diálogo, á memoria e ao país que está por construír.
– Nós Diario (ND): Realismo político e nacionalismo galego. Como se conxugan estes conceptos na teoría e, sobre todo, na práctica no ano 2025?
– Manuel López Foxo (MLF): Todo proxecto político ten que adecuar a súa alternativa ao momento social e político no que vive e facelo sen renunciar ao seu ideario. Eu por iso parto da experiencia do Partido Galeguista na II República, porque penso que nos deron unha lección de realismo. Sen renunciar aos ideais que tiñan, foron capaces de aproveitar ese momento histórico, de entender cal era a correlación de forzas e de comprender que conseguir o Estatuto de autonomía naquel momento era fundamental para asegurar a personalidade e o futuro de Galiza como nación.
Partindo desa base, neste momento, o realismo político ten outro contexto, onde o nacionalismo galego é segunda forza política e unha alternativa de Goberno. Por isto, ten que adecuar o seu discurso e o seu xeito de traballar para lograr ese cambio político galego. Non porque sexa algo que precise o nacionalismo, senón porque o precisa o país.
– ND: E desde que espazo se constitúe unha alternativa política que xere maiorías suficientes?
– MLF: O libro non ofrece unha visión ideolóxica, senón unha visión de país. Eu teño moi claro que o importante é tecer país.
O país técese desde o propio nacionalismo pero tamén desde outras visións que existen na sociedade. Persoas que, aínda non considerándose nacionalistas, acreditan que este país ten dereito a ter outro futuro e outro presente. (…)”