Desde Galaxia:
“Na Pobra do Caramiñal, a 19 de decembro de 2025, reunido o xurado do VIII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, dirixido a rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos, conformado por Encarna Pego, vicepresidenta da Asociación Cultural Barbantia, Óscar Reboiras, gañador da anterior edición, e Marcos Calveiro, en representación da Editorial Galaxia, acordouse conceder por unanimidade o premio á obra presentada baixo o título Nenapinguín.
Unha vez aberta a plica, a obra resultou ser da autoría de Daniel Landesa (Vigo, 1976), narrador infantil e xuvenil e poeta, con ampla traxectoria literaria.
O xurado destaca da obra gañadora a súa calidade literaria e unha trama protagonizada por nenos que padecen diversas enfermidades, tratada cun enfoque que fuxe do sentimentalismo e do melodrama, incorporando notas de humor e diversión, malia a situación que viven os protagonistas. Trátase dunha obra apta para un abanico moi amplo do público infantil, que interpela directamente á intelixencia e á sensibilidade do lectorado.
Daniel Landesa é escritor galego, licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, con traxectoria consolidada na poesía, a narrativa e a literatura infantil e xuvenil. (…)”