Antón Baamonde: “O optimismo económico e social axudaría á identidade nacional galega”

Entrevista de Francisco Cortez-Lobão Sineiro a Antón Baamonde en Tempos Dixital:
“(…) – Tempos Dixital (TD): Concibes este libro como unha culminación?
– Antón Baamonde (AB): É unha peza máis dun puzzle que comecei con A derrota de Galicia, onde intentaba captar a transformación social nestas décadas e chamar a atención sobre o grao de urbanización e outra morea de aspectos que quedaban na sombra. A conciencia dunha Galicia contemporánea basicamente urbana e periurbana. Un país que se desagrarizou e cuxa poboación vive nas cidades e periferias urbanas. Foi o comezo dun diagnóstico para apreixar o cadro social e propoñer unha mudanza na autopercepción colectiva. Cando escribín Unha nova Olanda introducín elementos proactivos, pensando como en España existe un debate sobre o eixo mediterráneo que ignora o da continuidade poboacional de Ferrol ao Porto ou mesmo a Lisboa. E non existe porque Galicia e Portugal forman parte de dous Estados distintos e porque aquí non está tampouco na cerna do debate, aínda sendo fundamental para traballar unha economía de agrupación. Hai moitas empresas galegas ligadas a Portugal e viceversa. As interrelacións son enormes e é obvio que Galicia e o norte de Portugal deben ir en paralelo en termos económicos. Aquí entra a cuestión do AVE e de todas as conexións que deben existir entre as cidades para ligalas unhas con outras. O trazado entre a Coruña e Vigo foi desde que se construíu o máis exitoso de España, pero aínda está pendente o de Ferrol coa Coruña ou a continuidade Vigo-O Porto. Ou de Lugo e Ourense. De aí a idea dunha nova ‘Olanda’. Porque en que se parecen Galicia e Holanda? Na ausencia dun París ou dunha Barcelona, de cidades xerárquicas no sistema urbano, substituídas por unha rede de cidades que hai que tecer coa axuda do tren.
– TD: Dis que son aspectos na sombra.
– AB: Hai moito que se pode facer para mellorar a calidade de vida das urbes e do ámbito periurbano. Temas fundamentais que non se atopan no imaxinario porque este tende a desterrar o urbano e ignorar as transformacións das últimas décadas. Esa idea proactiva do anterior libro tamén estaba en Galicia distrito industrial, cun necesario rexistro dun tecido industrial que non adoita estar na conciencia cando resulta moito máis importante do que temos na cabeza. (…)”