Fallado o VI Premio Manuel Lueiro Rey de poesía

Desde Tempos Dixital:
“O xurado do VI Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, reunido na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela e formado por Luís Cochón, en calidade de presidente, e por Silvia Penas, Mercedes Queixas, Armando Requeixo e Ramón Rozas como vogais, ademais de por Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que actuou como secretaria con voz e sen voto, decidiu outorgar por unanimidade o premio ao poemario presentado baixo o título Corpo, de Antón Lopo. O texto impúxose aos outros trinta e un traballos presentados.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa sexta convocatoria, consolida a súa andaina coa colaboración do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe da mesma localidade e de Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador, que será presentado publicamente a comezos do vindeiro mes de abril, en data coincidente co natalicio de Lueiro Rey. O acto de entrega terá lugar en Fornelos de Montes.
O xurado estimou que Corpo é un excelente poemario, denso por variado ―tocata e fuga―, que se compón de diversas suites que se completan ou se enfrontan ou se escisionan (eses parénteses e claudátores). O autor constrúe este Corpo medrado con poder de convicción tanto que convenceu, unánime, os cinco membros do xurado. Ponderado, pousado, serán versos para quedar, no tempo que nos acolla, cando menos neste libro admirable.”

A diáspora na literatura galega

Artigo de Irene Quintela en Tempos Dixital:
“De Rosalía a Celso Emilio, a emigración galega deixou a súa pegada na obra de grande parte dos autores do país. Desde os melancólicos poemas rosalianos, pasando polas caricaturas de Castelao até a visión máis crítica dun Celso Emilio Ferreiro decepcionado cos seus paisanos na Venezuela, as referencias á diáspora e ao emigrante forman parte do noso imaxinario literario.
Na emigración e no exilio, moitos escritores e artistas como Luís Seoane, Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor ou Xosé Neira Vilas achegáronse ás entrañas deses galegos que marcharan na procura dun futuro mellor. As Casas de Galicia e os Centros galegos espallados por Sudamérica, que se constituíran como entidades fornecedoras de servizos básicos aos emigrados, remataran por converterse no vínculo entre os paisanos expatriados e os intelectuais que marcharan do país por múltiples razóns. Pero rara vez ese contacto coa intelectualidade ía máis alá de reunións en pequenos círculos de persoas. (…)”

Nace Tempo de Contos, un espazo de creación na rede

“Tempos Dixital abre Tempo de Contos, un espazo online aberto á creación literaria onde escritores e escritoras en lingua galega teñen a oportunidade de dar a coñecer as súas obras. Cada semana publicarase un relato, conto ou poema en Tempo de Contos xunto cun breve perfil biográfico do autor ou autora.

BASES DA CONVOCATORIA

1.- Poderanse presentar relatos, contos ou poemas de temática libre e autoría individual, inéditos e escritos en lingua galega. Atlántica de Información e Comunicación de Galicia, S.A., empresa editora de Tempos Novos, Tempos Dixital e Protexta, resérvase o dereito de decidir sobre a publicación de obras presentadas.
2.- As obras terán unha extensión máxima de 5.000 caracteres (espazos incluídos) e serán enviados en formato .doc ou .odt ao e-mail: dixital@temposnovos.com
3.- Cada semana publicarase unha obra en Tempo de Contos, na sección de Cultura de Tempos Dixital.
4.- O relato máis votado de cada trimestre publicarase na versión en papel de Tempos Novos.
5.- Tempo de Contos manterase activo por tempo indefinido, podendo a empresa editora suspendelo en calquera momento sen aviso previo.
6.- Polo feito da participación, os autores e autoras aceptan as bases e autorizan á empresa editora a publicar as obras presentadas, en calquera dos seus medios ou en edicións colectivas, dentro dos seguintes vinte e catro meses á data do envío para a participación en Tempo de Contos. As autoras e autores poderán exercitar os dereitos que lles recoñece a lexislación sobre propiedade intelectual inmediatamente despois da primeira publicación en calquera dos medios citados.”

Fran Alonso: “Alegraríame se tivésemos un best seller, aínda que o diga con dor”

Entrevista con Fran Alonso en Tempo Dixital:
“(…) – Tempos dixital (TD): Publica Ninguén dez anos despois de Males de cabeza (Xerais, 2001) e no epílogo desbota un enlace directo co que era o seu último título de narrativa para adultos. Por que?
– Fran Alonso (FA): A estrutura garda relación con Males de cabeza e tamén con Cemiterio de elefantes (Xerais, 1994), por ese camiño de exploración entre o relato e a novela. Intenta esvaer os xéneros; no próximo libro aínda o levarei a un extremo moito maior, e aí acabo con ese tipo de experimentación. Ninguén explora as relacións humanas de vecindade incorporando dúas metáforas, un edificio e as novas tecnoloxías, e iso emparéntao máis con Silencio (Nigra, 1995). En Males de cabeza están os problemas que o individuo sofre coas novas formas de sociedade. Pero aquí non exploro tanto a psicoloxía dos personaxes como o contorno. Iso fai que este libro parta directamente de Silencio e de Balada solitaria (Edições Eterogémeas, 2004), poemario que só se publicou en Portugal e que agora está reproducido en Transición (Franouren, 2011). (…)
– TD: E tamén como traballador nunha editorial, como entende a normalización nunha cultura en que ás veces parece cinguirse á imitación de modelos próximos?
– FA: Esa é unha contradición permanente, aínda que xa vivimos nela máis ca agora. Por un lado sería magnífico que houbese best sellers en galego que lesen 20 mil persoas, o tipo de libro que se vende noutras culturas. Pero queremos que haxa lectores en galego ou queremos ter unha literatura de calidade, non estigmatizada polo mercado? Por un lado quero que haxa lectores para best sellers pero por outro reclamo a dignidade da literatura á marxe das modas que dite o mercado. E cada vez máis, e esa é unha reflexión que fago moito como editor, a edición está máis putrefacta. Mandan os grandes grupos e a edición está máis en mans de xerentes, de comerciais, ca de editores. Iso que denunciaba Schiffrin no seu libro, A edición sen editores. As estratexias editoriais dos últimos anos, de ocupación de metros cadrados de librarías, adiantos millonarios de dereitos, contratacións sen sentido, de pugna por novelas de moito éxito, de desviación a produtos comerciais á marxe da calidade literaria, creou un estado no que hoxe é moi difícil recuar. Iso é algo que me preocupa moito, porque penso que na edición paga a pena crear cultura. Pero o meu corazón parte en dous. Non podo dicir que non me alegrase se tivésemos un best seller, aínda que o diga con dor. Iso significaría que teriamos unha cultura normalizada, que en Galicia, aínda que se lería mala literatura, leríase en galego. Pero que é a normalidade? Inevitablemente creo que temos que camiñar cara a unha normalidade que implique dignidade literaria, calidade e ao mesmo tempo unha cultura en que haxa lectores e unha sociedade entregada cos seus propios referentes. Iso é pedilo todo. (…)”

A revista Tempos Novos crea unha publicación en galego na rede: temposdixital.com

“O xoves 27 de outubro, ás 19;00 horas no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, preséntase Tempos Dixital, a nova presenza na rede da revista Tempos Novos, un dos poucos medios escritos en galego que resiste a oleada de peches. A revista dixital estará dirixida por Luís Álvarez Pousa, profesor da USC e director de Tempos Novos e coordinada por Denís Fernández Méndez, xornalista. Contará no seu consello de redacción con Comba Campoi, Paulo Carlos López, Sara Torreiro e Francisco Martínez Hidalgo. Esta revista dixital pretende “abrir o campo” de contidos do mensual, incluíndo ademais textos dirixidos a un público máis novo (entre 18 e 35 anos de idade) ampliando así o espectro do público lector do medio en papel. Por iso inclúe unha sección de deportes e prestará especial atención ás novas formas da cultura, manténdose na liña de xornalismo de análise e interpretación que vén caracterizando á revista Tempos Novos desde o seu nacemento en 1997, ano de fundación da empresa editora responsable tamén da revista de libros Protexta, dos Informes Galicia e agora tamén de Tempos Dixital.” Vía Galicia Hoxe.