María Solar: “Vivimos de costas á sabedoría dos maiores e iso ímolo pagar”

Entrevista a María Solar en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): De que quería falar nesta novela?
– María Solar (MS): Do éxito. Do que deixas atrás na vida para conseguilo. De que pasa cando xa tes 50 anos e a túa carreira máis ou menos encamiñada. De como xestionar entón as expectativas. E, por outra banda, dos maiores, que están no punto contrario: remataron de traballar e empezan a facer balance. Balance dos fillos, do que lles devolve á sociedade… Séntense un cero á esquerda, cando realmente son persoas moi válidas. Vivimos de costas á sabedoría dos maiores e iso habémolo pagar como sociedade.
– LVG: A primeira frase do libro é: «O día que morreu o seu pai, Elías estaba desbordado pola crise desatada a causa duns váteres químicos». Cantas voltas lle deu para escollela?
– MS: Non demasiadas. Cando me saíu xa me pareceu que era o comezo. Morre teu pai, que é algo terrible e dramático que sucede só unha vez na vida e tes que estar aí, pero ti estás nun momento surrealista no teu traballo, e para ti ten unha importancia vital. Así que me permitía situar o conflito e o absurdo xa na primeira frase.
– LVG: Na páxina 54, aínda ao principio, escribe: «Todo era esperpéntico». É un aviso a navegantes de por onde vai ir a novela?
– MS: Eu desfruto moitísimo co absurdo. Gústame moito esa idea de que che vaian pasando cousas que te descoloquen absolutamente e teñas que reaccionar a algo para o que non estás preparado para reaccionar. De repente na túa vida aparece unha bomba, literal ou non literal, e tes que tomar unha serie de decisións. Que igual non son as mellores pero nese momento son as que se che ocorren e vas fuxindo cara adiante. A min situar aí os personaxes paréceme un lugar marabilloso para un libro. (…)”