An Alfaya: “A través do teatro, quero que a rapazada se pregunte quen son Circe e Morgana e como Begoña Caamaño contou as súas historias”

Entrevista a An Alfaya na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): En Uuu-uuu, BEGOÑA! convoca as protagonistas dos libros da autora das Letras Galegas 2026, Circe e Morgana, para axudala a superar unha aventura crucial.
– An Alfaya (AA): Tiña claro desde o principio que ía partir dos mitos, como ela fixo nas súas novelas. Aínda que curta, a obra de Begoña é absolutamente renovadora, reveladora e revolucionaria na narrativa galega, dálles a volta aos mitos para contalos desde o punto de vista das mulleres. Así que o reto nesta pequena obra que escribín foi que as personaxes debían ter tamén voz, e tiña que haber unha comuñón entre a creadora e as súas creacións.
– RAG: É tamén unha boa estratexia para que os nenos e nenas empecen o achegamento a uns títulos que a priori semella complicado presentar a ese público máis novo.
– AA: Así é. Quero que as nenas e os nenos se fagan preguntas e descubran quen son Morgana e Circe, espertar neles a curiosidade para investigar e saber máis sobre eses seres mitolóxicos e sobre como Begoña Caamaño reescribiu as súas historias. O meu propósito é que esta obra de teatro sirva de porta de entrada a un universo literario que evidentemente non está pensado para o público infantil. (…)
– RAG: Vostede é coñecida sobre todo como narradora, como foi a experiencia de enfrontarse á escrita dramática?
– AA: Cando era noviña fixen teatro, fun fundadora, canda o meu home, da compañía Avento de Vigo, e publiquei tres pezas para o público infantil: Buá, buá, requetebuá (accésit na Mostra de Teatro Infantil Xeración Nós 1989), O maquinista Antón (primeiro Premio na mesma Mostra de Teatro en 1991) e A estrela Volarina na torre Coralina (2001). A miña vida foi logo por outros camiños, entre outras cousas porque é bastante frustrante escribir teatro polo difícil que resulta publicalo e moito máis aínda vendelo, pero como escritora o teatro é a parte máis lúdica de min. Aínda que non chegue a facer comedia, saca a miña parte máis divertida. Con Uuu-uuu! BEGOÑA! no fondo sabía desde o principio que ía ser unha peza teatral. Os personaxes axiña empezaron a falar, a ter vida propia e decateime de que ía ser a fórmula coa que me sentiría máis cómoda. Permitiume ademais conciliar en pouco espazo a parte máis biográfica coa ficción fantástica.”