Entrevista de Raúl Salgueiro a Lois Pérez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Vén de publicar varios libros de literatura infantil e xuvenil. Aproveitou recursos desa etapa para escribir esta novela?
– Lois Pérez (LP): A literatura infantil e xuvenil deume disciplina, sobre todo na contención e na escolla do que escribo. A narrativa adulta é distinta, pero non é mellor nin peor. Para min, a novela non consiste en encaixar personaxes, senón que é unha composición de determinadas forzas. Nese sentido, eu non me limitei a organizar o pasado. Eu escribo tentando suscitar o futuro. Na escrita busco unha sorte de futuro anterior, unha evocación doutra realidade alternativa que descobres cando baixas á escrita.
– ND: É unha novela que recolle diferentes puntos de vista. Cales son os eixos centrais desta nova novela?
– LP: É, sobre todo, un libro do anhelo, con moito amor e tamén cunha dimensión política. A obra constrúese a partir de contrastes: entre o interior e o exterior, o profundo e o banal, nun fluxo constante que articula as distintas voces narrativas.
– ND: No libro hai unha mestura de rexistros (humor, intimismo, crónica, sátira…). Foi difícil atopar o equilibrio entre eles sen que o resultado se dispersase?
– LP: Foi difícil porque cando escribo son bastante reflexivo no que fago, aínda que teño momentos de impulsividade. Con este libro tamén tentei arredarme do temor á mirada dos que despois vaian ler o libro e, así, escribir iso que eu quería escribir. Quería evitar a auto censura, que creo que é algo que aparece máis da conta no que escribimos ben sexa por convencións, por prexuízos ou por ideas previas do que debe ser. Creo que a literatura debe procurar unha certa revelación, algo que tamén buscamos como lectores. Tamén me valín moito da música e desas diferentes voces.
Ao final é un libro que confío en que se deixe ler pero é unha novela que tal vez non se deixe apreixar, no sentido de que é difícil de etiquetar. Quería xogar con iso e escribir como reto.
– ND: Fala de revelar. Que lle gustaría que se lle revelase ao lector ao fechar o libro?
– LP: O libro funciona como unha caixa de resonancia en función da bagaxe vital de quen o abre. Gustaríame que emocionase e gustaríame que fixese rir, pero sobre todo que o lectorado entre na historia, pois é o que pode aspirar alguén que escribe. O libro ao final intervén sobre os afectos, sobre eses sentimentos que son os que nos moven. (…)”