Entrevista de Marcos Pérez Pena a Lois Pérez en Praza:
“(…) – Praza (P): A novela é unha mestura de cousas: de xéneros, de tempos, de tons. Do thriller ao intimismo, da música e a noite ao narco e de aí ao compromiso político na Transición, unha variedade que lle achega frescura. Foi algo consciente?
– Lois Pérez (LP): Quixen facer unha novela coral, con varias portas de entrada. Valéndome, sobre todo, de rexistros lingüísticos diferentes e con distintas capas narrativas a medida que se vai desenvolvendo a trama. Esta acumulación de temas penso que consegue o que se busca nunha novela: esa suspensión da incredulidade, para que o lector entre na historia.
É unha novela de contrastes, entre o presente -porque é unha novela no presente- e o pasado. Hai tamén un fluxo entre o lixeiro, o efémero, por unha banda, e o profundo, pola outra. Eu quería reflectir tamén iso: nunca estamos no mesmo estado de ánimo, por fóra podemos estar facendo algo banal e por dentro pode estarnos sucedendo un mar de fondo que nos golpea e que nos mantén en vilo. Este é tamén un libro do anhelo. Porque eses personaxes, cada un na súa situación, anhelan un cambio.
Co material que tiña, diverso, creo que lle dei forma a un falso thriller. Non quero que a literatura se consuma en favor do ritmo, digamos, senón que o que me interesa é que a literatura agrome, precisamente, ao contar o que sucede, que se revele literariamente aí. Neste senso, posiblemente é unha novela antifórmula: estou máis interesado no que lles sucede aos personaxes que nunha trama como tal.
– P: Ás veces a obsesión por inserir un libro nun xénero determinado dá como resultado atoparnos con novelas demasiado encorsetadas? Limita as posibilidades da propia historia?
– LP: A min o que me interesaba era recoller esa diversidade de temas, de motivos, de estados de ánimo… Hai un escenario, que é a península do Grove, a noite, os clubs musicais…, que basicamente son un escenario no que se encontran e van confluíndo a medida que vai avanzando o libro varias Galicias que coexisten no país: está a Galicia máis concienciada, pero está tamén a Galicia dos narcos, a Galicia dos pijos, a Galicia visitada polos de fóra, está a Galicia que xa non existe pero da que está aínda o recordo… Ese material humano era co que eu quería traballar.
E aí está tamén a noite, está a música, que na novela teñen unha función dobre, como un filtro máxico que incide no comportamento dos personaxes, ao estilo do Soño dunha noite de verán.
– P: A música é fundamental na novela, por suposto. Falta música na literatura galega?
– LP: A min cústame imaxinar unha vida sen música. O libro é tamén unha homenaxe ás salas de concertos e á propia música, que ás veces parecen algo que non ten importancia, que non deixan pouso, pero que en realidade con unha parte fundamental do noso paso por este mundo. A música é algo importante, que nos axuda a saber máis de nós e que nos axuda a atoparnos e a construírnos como individuos. Sempre quixen impregnar a historia con cancións, con letras…, que ademais teñen esa cousa marabillosa de que a música significa cousas distintas en función de con quen a escoitas e onde a escoitas. (…)”