Facer nosas as cantigas medievais

Desde Cultura Galega:
“Segundo explica Manuel Ferreiro, catedrático que coordina o proxecto, este “comezou en 2010 coa elaboración dun glosario exhaustivo que ao longo de seis anos obrigou a revisar moitos textos, manuscritos e edicións previas” con vistas a contar cun rexistro sistemático das palabras empregadas nestas composicións e os seus significados. Neste proceso comprobouse como existían moitos erros de transcrición e interpretación nas edicións existentes deste material, todas elas desenvolvidas fóra do noso país. “Ao acabalo vimos como inevitable abordar a edición crítica e repousada das nosas cantigas. Había a necesidade de lermos e interpretarmos eses textos desde Galicia”, asegura. Para este investigador, este conxunto “é a nosa primeira obra literaria, case se pode considerar como fundacional da nosa literatura, e ata o momento fora traballada sobre todo por investigadores italianos e portugueses. A nivel internacional Galicia é coñecida por Santiago e polas cantigas, cando menos en ámbitos culturais. En Italia continúan a traballar sobre elas, fanse teses e edicións dos nosos trobadores” explica a incidir no peso internacional destes fondos.
Unha complexa base de datos que permite desenvolver o traballo de anotar e ligar contidos vencellados ás cantigas e, ao tempo, facilitar a súa consulta, presentouse como unha das primeiras tarefas a desenvolver. Esta ferramenta permite a día de hoxe que os contidos do proxecto estean dispoñibles en aberto para a súa consulta vía web. “Pódese clicar cada palabra dos textos e consultala inmediatamente no glosario”, explica Ferreiro, ademais de consultar anotacións exhaustivas sobre as diferentes interpretacións e edicións existentes destes textos. Para alén do contido web, un primeiro volume impreso recolleu en 2025 a totalidade das cantigas de amor conservadas desta tradición, e neste 2026 viu a luz un segundo centrado nas de amigo. “Agora estamos embarcados na última fase do proxecto que son as de Escarnio e maldizer, e haberá un último volume dedicado a outros xéneros. No web temos xa unhas 1.500 cantigas do total aproximado de 1.670 que existen e agardamos ter o conxunto da lírica profana medieval completa dispoñible nuns meses” con todas estas funcionalidades. (…)”