Entrevista de Tensi Xesteira a Iria Misa en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): O libro Mamá, quero ser Ziggy Stardust supuxo un antes e un despois na súa carreira literaria. Que lle deu esta historia?
– Iria Misa (IM): Si que teño esa sensación. Cando escribín esa novela fun consciente de que dera un paso máis e decateime de que tiña unha boa historia. Antes de que saíse xa espertaba moito interese e aí sentín o agarimo que colle a xente cando unha obra lle gusta moito. Deume moitas satisfaccións, aínda que atopou dificultades e reticencias dalgúns sectores porque trataba o tema da realidade trans en crianzas. Pero o libro funcionou tan ben e fun a tantos coles que houbo momentos nos que mesmo me sentín como unha rockstar. Recibíanme dunha maneira os nenos nos coles… O libro, ao final, trata de algo que nos pasa a todos, porque todos nalgún momento nos sentimos diferentes e queremos que nos entendan. Foi un antes e un despois na miña carreira, un libro significativo.
– ND: Comeza o seu libro máis recente, Só para adultos, cunha cita de Leticia Dolera que di que é urxente tratar a relación do porno cos rapaces. Por que esta cita e por que tan de cheo no libro? Que sentido lle quería dar?
– IM: Cando lin este chío de Leticia Dolera decateime de que ela estaba a traballar en algo similar ao que a min me roldaba pola cabeza, que era como a rapazada se estaba empezando a relacionar no sentido sexual. Eu comezaba a percibir que estaban sucedendo cousas moi diferentes ao que nós poderiamos agardar ou ao que viviramos cando adolescentes. E impactoume moito porque o dixese tan claro. Porque eu tiña claro que algo estaba sucedendo pero aínda non dera co motivo nin coas palabras, e ela puxo o foco. Por iso quixen abrir o libro con esa cita. (…)”