Fran Fernández Davila, gañador do premio Vilar Ponte de Viveiro: “Sorprendeume ganar porque é unha novela estraña, pero divertida”

Entrevista de Cristina L. Felipe a Fran Fernández Davila en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Agardaba este éxito na súa faceta de escritor?
– Fran Fernández Davila (FFD): En absoluto, para nada. De feito empecei a escribir porque me gustaba pero nin sequera compartía cos meus coñecidos as lecturas, gústame publicar pero non a exposición, o tema de escribir é para min algo máis íntimo. Cando empezas a escribir con 42 anos non esperas facer ningún tipo de carreira.
– EP: Que pode contar da novela galardoada, Mario non existe?
– FFD: Non sei se coñeces a película de Come, reza, ama. Quixen facer unha especie de chiscadela sobre un home de cincuenta anos que está en crise laboral, identitaria, familiar, e que de repente atopa saída nunha viaxe inesperada ao Nepal. A verdade hai moito da miña situación ata o de agora na novela, é moi persoal e non sei se sairá publicada, se sae vai ser unha exposición persoal importante.
– EP: É autobiográfica?
– FFD: Non, porque nada diso me pasou, pero si moi autorreflexiva. É unha especie de situación paralela á que moitos homes pasamos chegados a certa idade, a crise dos 40, dos 50, é real. No meu caso con 50 anos, hai un ano, quedei sen traballo e pensei en refacer a miña vida como profesor de FP, empecei a estudar e fixen o máster, pero agora apareceume a oportunidade de traballar nunha das compañías máis importantes do mundo, que ten unha parte de refrixeración, e decidín probar. Levo un mes de volta ao mundo laboral pero ‘hardcore’, na primeira semana estiven na casa pero despois en París, Madrid e Inglaterra e a semana que vén viaxo de novo a París e a Italia, coñecendo as instalacións que hai por Europa. O das viaxes para min é un día a día, xa o viña facendo antes no meu traballo anterior, pero nunca fun a Asia. Esa viaxe que se narra na novela nunca a fixen e creo que nunca terei a afouteza de facela. (…)”