Rafa Vilar gaña o VII Premio de Poesía FDG co poema «O traballo e os días»

Desde a Fundación Florencio Delgado Gurriarán:
“Rafa Vilar (Cee, 1968), filólogo, escritor e activista cultural, fíxose co VII Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán grazas ao poema O traballo e os días, recoñecido polo xurado como o mellor dos preto de setenta presentados ao concurso. O galardón —convocado pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán co apoio da Deputación de Ourense— está dotado con 3.000 € e foi desvelado nunha gala poética celebrada o sábado 19 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. Nese mesmo escenario recoñecéronse o poema Rosas de Saraievo, de Fran Fernández Davila (Vigo, 1974), que recibiu un segundo premio de 500 €, e Un frío, de Naila González (Sarria, 2003), que quedou en terceiro lugar cun premio de 300 €.
A sétima edición do Premio, como lembrou durante a gala a xerente da Fundación FDG, Débora Álvarez Moldes, chegaba este ano con varias novidades. A primeira e máis importante era que cada autor ou autora podía presentar un único poema. Esta decisión fundamentouse na importancia de recoñecer, mais que un poema, unha voz poética. Iso foi, sen dúbida, o que tivo en conta o xurado deste ano, integrado pola creadora Lúa Mosquetera, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, a poeta e actriz Fátima Delgado, o docente e escritor Raúl Gómez Pato, e a música e dramaturga Sara Faro. A maioría deles mandaron unha mensaxe en vídeo proxectada durante a gala. En canto á poesía, tanto Naila González como o gañador, Rafa Vilar, leron os seus poemas sobre o escenario, mentres Fran Fernández Davila facíao a través tamén dun vídeo, xa que se atopa nunha residencia literaria en Irlanda.
Á emoción dos versos dos poetas finalistas sumouse a forza da voz da barquense Nerea Jiménez, quen puxo a nota musical a un evento que tamén innovou na súa apertura, coa presenza no escenario de Clara Quiroga, autora do cartel desta edición. Esta artista valdeorresa abriu o acto lendo o poema de Florencio Delgado Gurriarán O trebón, o cal inspirara a súa creación. Ese poema forma parte do Cancioneiro da Loita Galega, un poemario con obras de poetas exiliados co que Xesús Alonso Montero recuperou os versos de Florencio para a literatura galega a finais do século pasado, introducíndoo nos estudos universitarios.
O profesor Montero, falecido este 2026 en Vigo, recibiu tamén unha merecida homenaxe durante a gala, cunha imaxe súa sorrindo no día das Letras Galegas de 2022 en Córgomo enchendo a escena, mentres Nerea Jiménez interpretaba ao piano a canción Lela. Débora Álvarez destacou nesta homenaxe que «o profesor Montero foi un dos impulsores de que nós esteamos aquí hoxe coa Fundación Florencio Delgado Gurriarán e foi e será sempre o noso presidente honorario». Ademáis disto, durante a gala puido verse unha mensaxe das fillas de Florencio: Celia, Carmiña e Maruxa enviado dende México, na que celebraron a intensa actividade da Fundación e agradeceron que se manteña viva a memoria de seu pai a través da actividade cultural e de defensa da cultura galega. (…)”

Fran Fernández Davila, escritor: “Que o meu nome estea asociado a Agustín Fernández Paz fíxome moitísima ilusión”

Entrevista de Sergio Casal a Fran Fernández Davila en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Lucía vive nunha casa onde non se fala moito e o fútbol está prohibido. Como nace esta historia?
– Fran Fernández Davila (FFD): Gustábame moito o enfoque dunha rapaza que quere xogar ao fútbol pero non lle deixan. En lugar de ser a sociedade, é o seu propio pai quen o impide por algún motivo. A partir de aí, desenvolvín a historia de amor da rapaza co fútbol. A min encántame o fútbol e quería escribir algo sobre este tema que tamén lle puidese gustar á miña filla. Ultimamente escribo novelas téndoa a ela como lectora obxectivo.
– ND: Por que escolle o fútbol e en concreto a figura de Vero Boquete como motor da loita de Lucía?
. FFN: O título é un macguffin. Eu teño moito medo de que as persoas lectoras se decepcionen porque non sae Vero Boquete na novela. Hai unha película do 2002 que se chama Quero ser como Beckham protagonizada por unha rapaza da India que quere xogar ao fútbol. O título deste libro é unha sorte de homenaxe a esa idea, cambiando a Beckham por Vero Boquete, pioneira en moitas cuestións relacionadas co fútbol galego e internacional. (…)”