Estíbaliz Espinosa e Irene Lema gañan o I Premio Aira de Libro Informativo Ilustrado coa proposta ‘Finis Caeli. Ceos desde Galiza’

Desde Nós Diario:
“O xurado do I Premio Aira de Libro Informativo Ilustrado acordou por unanimidade conceder o galardón á proposta presentada baixo o lema Finis Caeli. Ceos desde Galiza, cuxas autoras son Estíbaliz Espinosa Río e Irene Lema Suárez.
O xurado estivo composto por Miguel Fernández Robledo, Jorge Campos Sánchez, Miguel García Fernández, Inés Mosquera Calvo e Manuela Elizabeth Rodríguez González. O proxecto gañador foi elixido entre as cinco propostas presentadas nesta primeira edición do premio.
O xurado valorou especialmente a alta calidade literaria do proxecto e o seu potencial gráfico, así como a novidade que representa desde diferentes perspectivas. Finis Caeli. Ceos desde Galiza aborda un ámbito, o da astronomía, escasamente presente na edición en lingua galega e faino cunha proposta dirixida a un público amplo, que abrangue desde o lectorado infantil até o adulto.
Entre os aspectos que determinaron a elección, o xurado salientou tamén a estrutura orixinal da obra, a súa capacidade para superar o modelo convencional da guía ilustrada e, especialmente, a conexión co territorio a través da atención aos ceos galegos.
O premio, dotado con 3.000 euros, inclúe a publicación da obra por Aira durante o ano 2027. As autoras contarán co asesoramento do equipo editorial durante o proceso de desenvolvemento e finalización do libro.
Con esta primeira convocatoria, Aira quere contribuír a estimular a creación profesional do libro informativo ilustrado na Galiza e en lingua galega, un xénero que combina divulgación, coñecemento e expresión artística e que ofrece amplas posibilidades para achegar contidos especializados a públicos diversos.”