Desde Nós Diario:
“Iván Caloto, José Fernández, Carlos Losada e José Luis Baños veñen de alzarse cos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde. Iván Fernández Diéguez, coñecido artisticamente como Iván Caloto, obtivo o XXVIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais coa obra Liberata. O santo atrevemento, mentres que José Fernández recibiu o XIV Manuel María de literatura dramática infantil e xuvenil por O traballo do lobo.
O XVII Barriga Verde foi para Carlos Losada Galiñáns con O que virá e o ninja, na categoría de infancia e mocidade, e José Luis Baños de Cos con O Timbre, na modalidade adulta. O xurado salientou de Liberata. O santo atrevemento a complexidade da súa dramaturxia e a orixinalidade dunha peza que afonda na identidade trans, na relación co propio corpo, na violencia e na memoria e valorou a dimensión poética da escrita, o coidado da lingua e o seu potencial escénico.
Jose Fernández Castro recibiu o Manuel María para textos teatrais coa peza O traballo do lobo. O xurado destacou a orixinalidade e a calidade dramática dun texto que actualiza o legado dos contos tradicionais cun humor incisivo e intelixente. A súa estrutura sólida, os diálogos áxiles e os xiros inesperados combinan o entretemento coa reflexión sobre as convencións sociais e os estereotipos. Na modalidade de infancia e mocidade do Premio Barriga Verde, O que virá e o ninja, de Juan Carlos Losada Galiñáns, foi distinguida pola súa orixinalidade, o humor e a riqueza do universo escénico.
O timbre, de José Luis Baños de Cos, gañou o Barriga Verde para persoas adultas. A partir dunha escena cotiá, o texto explora o malestar contemporáneo, a soidade e as dificultades de comunicación.”