Impulsado polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o ciclo “Tábula Rasa. Novas Prácticas Transdisciplinarias” desenvolveráse no museo os días 2, 3 e 4 de outubro, arredor de prácticas artísticas transversais e produtos creativos híbridos, é dicir, que fusionan varias disciplinas a un tempo.
Dentro deste marco e precisamente abrindo o ciclo, “Tender a man” é a proposta que Yolanda Castaño nos trae ao CGAC este xoves: un espectáculo poético multimedia baseado nos textos da poeta e na música de Sulxeitos. Esta formación de dilatada experiencia na escena musical galega, a cabalo entre o jazz e a electrónica e integrada por Isaac Garabatos e Jesús Andrés Tejada, dotará de ambientación sonora aos versos de Castaño, en especial aos provintes do seu último libro, Profundidade de Campo (Premio Espiral Maior, 2007).
Pero non será todo. Ademáis, outras experiencias de colaboración con outros e outras artistas iránse fiando ao longo dos 50 minutos de duración do evento. Así, os versos atopan novos camiños de comunicación apoiándose en distintas montaxes das que participan, por exemplo, os grafismos de Enrique Lista inspirados na mencionada obra poética, as pinturas de Isabel Pintado baseadas no poema “Contos de fadas” ou a montaxe de vídeo sobre o texto “Highway to heaven” a cargo de Manu Viqueira. Outras pezas a varias voces, con efectos de son, luz, videopoesía ou performance enriquecerán o conxunto. Unha oportunidade de achegarse á poesía máis actual por camiños diferentes, cómplices das novas tecnoloxías e das máis expresivas linguaxes creativas.
O título do espectáculo fai referencia á soedade do traballo da escrita, por iso “Tender a man” a outros e outras creadoras pode dar lugar a estas interesantes e ricas novas prácticas transdisciplinarias.