Roteiros literarios por Compostela: Euloxio R. Ruibal

O martes 14 de xuño, a partir das 20:00 horas, na Estatua de Chillida no Parque de Bonaval de Santiago de Compostela, comezan os Roteiros literarios por Compostela, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago, aos que a cidadanía pode sumarse sen necesidade de anotarse, axudando a coñecer a Compostela literaria da man de escritoras e escritores. Está previsto que este Roteiro, da man de Euloxio R. Ruibal, comece no parque de San Domingos de Bonaval e remate na Praza do Toural  Os participantes percorrerán as principais rúas da zona monumental (Casas Reais, Preguntoiro, Rúa Nova, Rúa do Vilar…), facendo paradas na praza de Cervantes, praza de San Martiño Pinario, praza da Quintana, praza do Obradoiro, praza de Mazarelos, praza da Universidade… Tamén se deterán en espazos de especial simbolismo (Panteón de Galegos Ilustres) ou diante de edificios onde residiron insignes escritores (Murguía, Bouza Brey, López Ferreiro…). Notábel presenza terán tamén escritores contemporáneos do meirande prestixio literario; xa pola súa estreita vinculación coa cidade compostelá (Lorca, Otero, Castelao…), xa por formar parte da súa veciñanza durante longo tempo (Novoneyra, García-Bodaño, Carvalho Calero, Ramón Piñeiro). Crónica posterior en Galicia Hoxe.