Manuel Rivas: ”A Guerra de España é a guerra de Troia, a guerra de todas as guerras”

Entrevista de Santiago Jaureguízar a Manuel Rivas en El Progreso:
“- El Progreso (EP): O lapis do carpinteiro fala do acontecido no 36 en Galicia, un tema constante na súa obra, tamén nos contos.
– Manuel Rivas (MR): A Guerra Civil é a guerra de todas as guerras. Non se trata dunha obsesión miña por un período. A guerra é o escenario da derrota da humanidade. Espero que non se tome como unha frivolidade, pero a guerra de España é a guerra de Troia. O que escribo está referido ao drama da guerra. Atopei as experiencias máis conmovedoras fóra de aquí, na aperta que me deu un mestre iraniano exiliado en Londres, que era o mestre de A lingua das bolboretas, ou nas caras dos espectadores que miraban a proxección desta película nun parque de Buenos Aires. Tiña que ver con eles. Cando un escribe quere chegar do local ao universal. O que une a condición humana é a estrañeza. (…)
– EP: A proposta de reunir cinco libros nun só volume é moi apetecible.
– MR: Pareceume unha proposta que respondía a certa natureza das cousas, a ver unha panorámica do hábitat que un foi creando, a enfrontarse ás propias pegadas, que poden provocar insatisfacción e tamén arrepentimento. (…)
– EP: Non vai escribir máis guións?
– MR: Non digo iso, pero, se o fago,será a partir dunha obra de literatura, como nesta ocasión. Ata que escribín a novela non puiden facer o guión. O meu hábitat é a escrita. Eu son animal solitario á hora de escribir.
– EP: Gústalle traballar en solitario para desenvolver vostede as súas ideas?
– MR: Son un animal solitario á hora de escribir; logo, partillo.”