“O luns 12 de decembro dá comezo unha nova edición de Inspiraciencia, segunda edición dun certame que o ano pasado conseguiu unha altísima participación no conxunto do Estado. Ata o de agora só podían presentarse orixinais en castelán e catalán. Dende hoxe, tamén en galego pois a Editorial Galaxia decidiu participar este ano na organización poñendo así a disposición dos e das que escriben en galego a posibilidade de concursar na lingua propia de Galicia. O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) é quen convoca a segunda edición de Inspiraciencia, concurso de relatos de inspiración científica no que poden participar públicos de todas as idades. (…).
Os relatos poderanse publicar na súa web ata o 15 de marzo de 2012.
O concurso ten dúas categorías (xuvenil, para participantes de entre 12 a 17 anos, e adultos, a partir de 18 anos) e dúas modalidades, relatos curtos, cunha extensión mínima de 800 palabras e máxima de 1.500, e microrrelatos, cunha extensión máxima de 500 palabras. Como novidade desta edición, ademais dos idiomas catalán e castelán, as obras tamén se poden presentar en galego. Cada concursante poderá publicar un relato para cada modalidade.
Para cada categoría e modalidade haberá un premio institucional e un premio do público. Para o primeiro, un xurado formado por figuras recoñecidas dentro do mundo da cultura avaliarán as contribucións e emitirán a súa resolución. O premio do público decidirano os internautas por votación online unha vez pechada a recepción de relatos. O acto de entrega de premios está previsto que se celebre en abril de 2012. (…)” Vía Galaxia.