Álvaro Cunqueiro: “O autor que esqueceu inxectarse ouro”

Reportaxe de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
Álvaro Cunqueiro cumpriría hoxe 100 anos de seguir vivo, pois naceu o 22 de decembro de 1911. Ou tal vez estea cumpríndoos ao seu xeito, gozando das existencias e publicando as obras que el fachendeaba de ter vivido e publicado sen que haxa indicios.
Álvaro Cunqueiro aprendeu logo os límites da vida. O seu pai explicoulle que non debía apartarse das rúas máis céntricas e seguras do Mondoñedo no que naceu o 22 de decembro de 1911 porque os milleirais que ascendían sobre as mesmas lindes da cidade estaban inzados de comunistas sen afeitar e con chaquetas vellas que atoparían un bo agasallo de Nadal ateo facerse co fillo do boticario.
Dese xeito comprendeu que Mondoñedo era o mundo, ao xeito de Celso Emilio, e superou o cativo mapa local a base de transmutar cada obxecto das poucas rúas nas que corría ceibo e alleo ao medo en obxectos que representaban o máis acendrado de Occidente e o máis fascinante de Oriente. O desenvolvemento desta fantasía empezou polo que lle quedaba enfronte dos ollos: un almanaque ilustrado cunha Natividade de Fiemalle. «Botei horas mortas contemplando aquela pintura», confesa o escritor, que descubriu naquela representación «o meu país natal, a colina da Camba e a montaña de San Pedro de la Torre, a paisaxe cara a Viloalle e Masma… O mestre Fiemalle, dicíame eu, viu este Nacemento en Mondoñedo».
Unha mostra da fantasía como complemento da realidade é, por exemplo, a anécdota que contaba sobre o bedel do casino de Mondoñedo, sobre o que aseguraba que tiña unha melomanía de tales dimensións que sintonizaba a BBC para escoitar os concertos de Yehudi Menuhin dirixindo á London Simphony Orchestra. «Nun momento dado, o conserxe, enfurecido, soltou unha puñada sobre unha mesa ao tempo que berraba: Do sostido, animal!. (…)”.