Entrevista de Ramón Nicolás a Marcos Calveiro en Qué leer, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): O seu O pintor do sombreiro de malvas, co que conseguiu numerosos premios, segue reeditándose. Cal cre que foi clave do seu éxito?
– Marcos Calveiro (MC): Supoño que a emoción. Unha historia emotiva e emocionante polo que me comentan os lectores. Unha historia na que tiven un guía extraordinario que nunca volverei ter: o propio Van Gogh coas súas palabras e os seus cadros. Gran parte do éxito débolla a el, á súa sensibilidade como artista e como persoa.
– RN: Centauros do norte foi a súa última publicación. Que pesa máis nela: a revisión histórica, o cinema, a acción?
– MC: O pasado, a miña propia memoria de infancia: a dun neno que quedaba pasmado diante do televisor vendo un western tras outro. O Sétimo de Cabalaría, Xerónimo, O xeneral Custer, O derradeiro mohicano, Shane, o Mississipi, as dilixencias, Grupo Salvaxe, A febre do ouro, Liberty Valance…
– RN: Reclamou con frecuencia a relevancia da literatura infantil e xuvenil galega, por que?
– MC: As cifras e os datos, ás veces fríos, avalan neste caso a miña reclamación: a LIX é o máis traducido, exitoso, e premiado da literatura galega, pero aínda non se lle dá a importancia que debería ter. Só hai que ver a repercusión nos medios de calquera premio ou publicación de LIX para decatarse da súa escasa relevancia social en moitos casos. Cando publiquei a miña primeira novela para público adulto houbo moitos que descubriron que era escritor, cando xa levaba varias obras de LIX publicadas e premiadas.
A LIX é o primeiro elo na formación lectora, sen ela non habería futuro, os lectores, como os dinosauros, extinguiríanse. (…)”