24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anima á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro, do que este ano se cumpre o 175 aniversario.
A AELG convida a centros de ensino e concellos a participar do Día De Rosalía de Castro organizando actividades de promoción da obra da nosa escritora para conmemorar o aniversario do seu nacemento.
O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura.
A AELG solicitou aos concellos que declaren ese día 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro e que o recollan nas súas programacións culturais. A AELG anima a toda a cidadanía a participar desas actividades.
Por outra banda, a AELG abriu este blog para reflectir todas as actividades e celebracións dese día, convidando a participar nel a toda a cidadanía.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, pola súa parte, está organizando nas principais cidades e vilas lecturas públicas da obra rosaliana, nas que se lerá un manifesto solicitando a difusión do coñecemento da obra de Rosalía de Castro, en especial entre as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a coeducar, pois a súa poesía ou prosa reflexiva son base indispensábel para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.
Estes son os actos confirmados até o momento (esta información actualizarase diariamente):

Santiago de Compostela, 18:00 h. Panteón de Galegos Ilustres (PDF, JPG). Ás 20:00 h., no Espazo de El Correo Gallego, con motivo da presentación de Follas Novas, agasallarase aos presentes cunha rosa con versos.
A Coruña, 18:30 h. Kiosko Alfonso (PDF, JPG).
Lugo, 10:30 h. Salón de actos do IES Lucus Augusti  (PDF, JPG).
Ourense, 19:00 h. Liceo de Ourense (PDF, JPG).
Ferrol, 19:00 h. Galería Sargadelos (PDF, JPG), cun recital poético de textos de Rosalía a cargo de Rosa Martínez Dios, Xosé Leira e Rosa Méndez. Ademais, até o día 24 de febreiro, agasallará cun libro e unha flor aos clientes que merquen libros.
Vigo, 19:30 h. Museo de Arte Contemporánea (MARCO)  (PDF, JPG).
A Rúa, 18:30 h. Biblioteca Pública Municipal, Casa da Cultura (PDF, JPG).
Pontevedra, 18:00 h. Casa das Campás (PDF, JPG).
A Estrada, 19:00 h. Sala de conferencias e exposicións Caixanova (PDF, JPG).
Monforte, 21:00 h. Centro de Interpretación do Viño de Monforte de Lemos (PDF, JPG).
Sabarís, Baiona, todo o día. No Mercado da Tía Ni agasallarase a todos os seus clientes cun libro en galego.
Allariz. Libraría Aira das Letras. O 24, 25 e 26 de febreiro, regalarase unha flor por cada libro comprado.
Redondela, entre as 11:00 e 13:00 h. Lectura pública de textos da autora en Radio Redondela (cada persoa que participe poderá levar un poema ou un fragmento en prosa).
Outes. Cada persoa que visite a Casa da Cultura de Outes, será agasallada cun libro en galego e unha flor.
Oleiros. Bibliotecas Municipais. Xunto ás exposicións bibliográficas de obras de e sobre Rosalía, repartiranse marcapáxinas con poemas seus, e as persoas que leven algún fondo bibliográfico en préstamo serán agasalladas cun libro en galego.
Muxía. O Concello de Muxía agasalla aos centros educativos do muunicipio cunha rosa e o libro Átonos, de Rosalía Fernández Rial.
O Carballiño. 18:00 h. Diante do Casino do Carballiño, entidade que organiza o acto. Tras a lectura do texto sobre Rosalía sortearase un libro entre os/as participantes.

En cada un destes actos o coordinador/a, socio ou socia da AELG, lerá unha Declaración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 175 anos despois do seu nacemento, do que adiantamos o primeiro parágrafo:

Hoxe Rosalía como berro que reclama e revive en presente atemporal a reivindicar a presenza de lingua e identidade en todos os recunchos do noso país.

Moitos centros de ensino confirmaron que celebrarán actividades relacionadas co Día de Rosalía.
Así mesmo, varios concellos do país aprobaron ou están en vías de oficializar este día a raíz da proposta de moción que a AELG enviou aos distintos grupos municipais. Confirmamos este trámite nos concellos de A Coruña, A Estrada, A Guarda, A Pontenova, Arteixo, Arteixo, Betanzos, Cangas, Ferrol, Laracha, Muros, Narón, O Rosal, Ponteareas, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Santiago, Teo, Tui, Valdoviño, Viana do Bolo, listaxe que irá aumentando nos próximos días segundo se vaian celebrando os plenos.

Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.