Xosé Manuel González Reboredo gaña o XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

ACTA DO XURADO DO XVII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS

“Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por unanimidade:
1.- Valorar o incremento de orixinais presentados, así como a súa calidade científica e ensaística.
2.- Conceder o XVII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co lema Cando os homes non poden, que axuden os santos e co título Os santos titulares de parroquia en Galiza. Pasado, presente e perspectivas de futuro. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Xosé Manuel González Reboredo, domiciliado en Santa María de Biduído-Ames.
Trátase dun rigoroso ensaio no que se analiza a antigüidade e a singularidade do sistema galego das advocacións parroquiais comparado co de diversas áreas da Península Ibérica. Nesta obra reivindícase a inclusión dos santos titulares das freguesías como patrimonio cultural galego, máis alá dos valores especificamente relixiosos.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora publicaraa Sotelo Blanco Edicións.

En Santiago de Compostela, a 10 de marzo de 2012″