Recollida de sinaturas para solicitar a asignación do nome “Curros Enríquez” á futura estación do tren de Ourense. Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega

“O patrimonio dunha sociedade non só está representado polas obras, grandes ou pequenas, de carácter material, construídas ou fabricadas ao longo do tempo. O patrimonio espiritual ou inmaterial conflúe co anterior en lle dar o ser á colectividade, sendo o referente principal de identificación, o que define a maneira de ser, de vivir, de interpretar o mundo.

Ese patrimonio inmaterial pode ser obra do conxunto da comunidade elaborado ao longo do transcorrer da historia e, polo tanto anónimo, ou pode ser de autoría coñecida, respondendo á creatividade dun dos seus membros, obra de creación coa que se identifica o conxunto do grupo social.

A obra literaria forma parte dese acervo comunitario que, nacendo como obra individual, remata por ser integrada como tesouro común e voz colectiva da colectividade da que emana.
Moitos son os referentes do noso entorno cultural no que as escritoras e escritores dunha cidade ou dun territorio e a súa obra, se transforman en referente cultural e de identidade que traspasa as fronteiras e convoca a visitantes.

Ourense, referente especial na historia da literatura de Galicia, integra no seu ser a memoria dos seus escritores, dedicándolles rúas, prazas ou espazos públicos e erguendo elementos conmemorativos da súa memoria, obra artística que é, tamén, creación dos seus artistas plásticos.

Exemplo desta sensibilidade particular podería ser o Roteiro da Esmorga, percorrido literario e emocional polo corazón do Ourense perdurable, seguindo, a xeito de estacións, os capítulos desa obra principal da nosa literatura que é a novela de Eduardo Blanco Amor.

Agora, cando Ourense recibe o vento do futuro, de novo a través do tren, como sucedera xa aquel 31 de outubro de 1881, cando recibiu a primeira locomotora, debemos lembrar que un dos escritores máis representativos do seu ser, nacido en Celanova e durante anos residente na cidade, Manuel Curros Enríquez, escribía para conmemorar aquel acontecemento o poema: NA CHEGADA A OURENSE, DA PRIMEIRA LOCOMOTORA, ao que pertencen estes versos:

Vela ahí ven, vela ahí ven avantando
Cómaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saudáina, rapaces e vellos!

Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.

……………………….
……………………….

Por iso, diante da remodelación e posta en funcionamento dunha nova estación no barrio ourensán da Ponte, capaz de acoller e servir ao novo ferrocarril de alta velocidade, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, por consideralo de xustiza, reivindica que esta leve o nome de Curros Enríquez e que na mesma figuren as estrofas daquel poema co que o escritor saudaba a chegada da modernidade.

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Abril de 2012.

A Asociación e Escritoras e Escritores en Lingua Galega acordou realizar unha recollida de sinaturas para reivindicar o nome de Curros Enríquez para a futura estación de ferrocarril de Ourense.

Se quere comunicarnos a súa adhesión entre aquí.