Entrevista
a Marta Dacosta en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Encádrase na Xeración dos 90, á beira de autores como Fran Alonso, Rafa e Miro Villar, Paco Souto… Poderiamos atopar un fío que una e caracterice esa promoción poética?
– Marta Dacosta (MD): Os nomes que acabas de citar traballamos con poéticas radicalmente distintas. É certo que cadramos nun tempo común e que entre nós hai pouca diferencia de idade. Eu coincido primeiramente con Fran Alonso e outra xente no Colexio Universitario de Vigo. Nese escenario comezamos falar sobre a nosa preocupación por facer visíbel o que estabamos escribindo e dá lugar a un recital en Vigo no ano 1987 titulado A cidade espida, promovido por Xurxo Rodríguez de Radio Ecca, onde participamos cinco poetas. Ese recital hai que contextualizalo por unha banda na necesidade de visibilización e por outra banda como contestación ás últimas rabexadas da chamada Movida viguesa.
Logo chegamos a Compostela e na Faculdade de Filoloxía os estudantes publicaban a revista Olisbos. Na Facultade de Filoloxía entro en contacto con Rafa Villar e co grupo de teatro. A través de Rafa coñezo a un grupo literario, procedente da Costa da Morte, que facían máis ou menos o mesmo que nós en Vigo. Era un grupo anterior ao Batallón Literario chamado Un e medio, creo, que sacaran un pequeno folleto de poesía. Velaí estaban, se lembro ben, Rafa e Miro Villar, Estevo Creus, Modesto Fraga e Artur Trillo, quen sempre foi o motor teatral. Cos anos o grupo que xa formabamos entramos en relación con máis xente e iso deu lugar, no curso 87-88, ás Carpetas do Dragón e logo, máis tarde, a Letras de Cal. Que cousas tiñamos en común esa xeración? Eu creo que a vontade de levar a poesía a todos os lugares, de feito facíamos moitísimos recitais polos bares de Santiago. Todos partillabamos a necesidade de facer pública a nosa poesía, de escribir en galego, de agrandar a expresión da nosa lingua. Houbo tamén unha diferenza coa poesía anterior -aínda que nisto non estou moi segura de que fora unha cousa consciente-, con textos menos culturalistas e apostando pola sinceridade. Simplificamos e espimos o texto, desbotando a barroquización das formas. Nós quitamos a carga retórica, sacamos as referencias, minguamos a extensión, todo en prol dunha (impresión de) sinceridade. Outra característica desa xeración é a presenza das mulleres. Nótase a nosa presenza e será un elemento valorado nesta xeración.
– FL: Para xente nova que comeza a escribir cales son os problemas principais cos que se atopa? Poderíamos referirnos principalmente a ese problema de visibilización?
– MD: O problema fundamental sempre é a publicación. Onte, hoxe e mañá. Iso fai que a imaxinación funcione e que xurdan iniciativas como Edicións do Dragón ou Letras de Cal. Publicábamos en revistas, presentabámonos a premios… Buscabámonos a vida, como se di. Mira, o primeiro libro de Letras de Cal pagámolo entre dezaoito persoas, co único obxectivo de recuperar os cartos para sacar o seguinte libro. Daquela procurabamos libros que foran económicos de facer, que se venderan ben e moviámolos moito. (…)”