Entrevista a Ramón Nicolás en Faro de Vigo, desde Xerais:
“(…) – Faro de Vigo (FdV): Cando, como é o seu caso, se dedican tantas e tantas horas, meses e anos ao estudo dun personaxe determinado, non se corre o risco de obsesionarse con el e acabar por perder a perspectiva? Cal foi a súa “táctica” para manter a obxectividade no momento de abordar a figura de Celso Emilio Ferreiro [Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro]?
– Ramón Nicolás (RN): No meu caso, ese risco si cobrou forma, pois non podería dicir que non acabase obsesionado: sobre todo no seu proceso de confección técnica, talvez non tanto co biografado, senón coa conxuntura de darlle forma a unha enorme cantidade de información. Mesmo creo que, nalgunha medida,era algo natural. Eu partía do interese pola obra, pero a vida de C.E.F. era algo descoñecido para min, dado que nunca o tratei. “Vivir” o personaxe desde tan preto proxectaba algúns riscos que tentei solventar: por un lado, apoiándome no multiperspectivismo –isto é, cederlle espazo ás outras voces que me falaron de Celso Emilio, “escoitando” o que dicían, interpretando posteriormente os centos de documentos conservados, moitos deles inéditos,que se puxeron ao meu dispor desde a Fundación que leva o seu nome, para alén doutros textos que proviñan de colleita propia– e, doutra banda, procurei evitar tamén un ton que puidese resultar monocorde para os lectores. Vistas as dimensións que ía cobrando o traballo, tomei a licenza de construír máis literariamente algún capítulo; sempre, iso si, desde a instancia de ser máis ou menos fiel ao que foron algúns acontecementos na vida de Celso Emilio. (…)
– FdV: O seu libro contén un apartado dedicado ao epistolario de Celso Emilio. Quixera que me falase desa parte da “obra” de C.E.F. e tamén de se atopou Vde. algunha carta, ou cartas, que o sorprendesen ou que lle chamasen especialmente a atención.
– RN: Unha das miñas sorpresas ao asomarme á traxectoria vital de Celso Emilio, foi precisamente acceder ao epistolario conservado: fundamentalmente, o “recibido”, pois C.E.F. non adoitaba facer copia das cartas que enviaba. Este material que, para min, é un tesouro, foi clave para descubrir ángulos da súa vida persoal e literaria que, iso coido, deica hoxe non foran tratados e que mesmo poden axudar a reformular certos lugares comúns arredor de moitos asuntos de corte persoal, político ou literario da posguerra. No aspecto persoal, hai cartas, por exemplo, de Joaquín Marta Sosa ou Xosé María Álvarez Blázquez que son estremecedoras; outras con Luís González Blasco “Foz” ou Carlos Díaz son fundamentais para coñecer o seu paso pola UPG; as que subscriben Alonso Montero, Méndez Ferrín, Manuel María, Neira Vilas ou Basilio Losada… claves para entender a xestión ou recepción da súa obra literaria. (…)”.