Entrevista de Montse Dopico a Manuel Lourenzo González en Dioivo:
“O Estado Único Universal controla ata o último detalle da vida dunha cidadanía alienada e submisa. A propaganda, a relixión, as drogas, o consumismo e os medos fabricados desde o poder manteñen a poboación na absoluta ignorancia da realidade. A felicidade é tan virtual como falsa e a liberdade é pura ilusión. Así é Atl, o mundo creado por Manuel Lourenzo González na súa última novela, publicada hai uns meses por Xerais. Dela falamos co autor días despois dunha das últimas presentacións da obra.
– Dioivo: O libro naceu dun guión de banda deseñada. Como foi?
– Manuel Lourenzo González: Cada libro ten a súa propia historia. Este naceu hai cousa de quince anos a partir da petición dun amigo debuxante chamado Manuel Fragoso que desexaba que lle preparase un guión para un álbum de banda deseñada. A única indicación que me deu foi que na historia figurase unha fábrica de queimar libros. Pois ben, a partir desa idea, fun tecendo o bosquexo dun relato que cada vez se complicaba máis ata converterse en algo que o meu amigo non foi capaz de asumir porque resultaba inabarcábel mesmo para unha novela gráfica. O guión aínda correu polas mesas doutros debuxantes, entre eles Miguelanxo Prado, que o considerou seriamente, mais o problema do tamaño foi definitivo. Daquela, ficou gardado nunha gaveta ata que o recuperei anos despois e, achando que me seguía a gustar, decidín convertelo en novela. (…)”.