Entrevista de Armando Requeixo a Iolanda Zúñiga no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Iolanda Zúñiga (IZ): Fáltalles franqueza, arrebato, modernidade. Sóbralles tedio, pudor, límites. Coñezo escritores/as que ignoran que o son e autoconfínanse a publicar en twitter. Coñezo escritores/as que darían uns burócratas formidables. O noso decorrer histórico e consecuente memoria colectiva son necesarios para orientarnos con lucidez neste tempo que nos tocou vivir, pero non os concibo como unha ferramenta da que abusar nos meus textos. Teñen máis valor as pequenas accións do día a día (como ir falar ao Corte Inglés nun galego con seseo e gheada) ca unha restra de libros cun claro ton doutrinario que só van interesarlle aos intelectualmente afíns a un. Para seducir as novas xeracións debemos espelirnos. Aos que redactamos fáltanos perspicacia. E atractivo. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– IZ: O seu estado en canto a vocación é óptimo. Pero, insisto, somos pouco arriscados. Queda moito mundo que contar en galego e temos talento para facelo. Deberiamos diversificar máis as temáticas, os estilos, os formatos. Dos fracasos editoriais —entendamos como “fracaso” recuperar o investido sen obter grandes beneficios— tamén se nutre a literatura dun país, que só sostida sobre alicerces bestseller resultaría feble, homoxénea, sen variedade para competir ao carón doutras literaturas sólidas. Aventurémonos a redactar, a publicar, a recomendar, a ler. (…)”.