Parlamento das Letras: Arcadio López Casanova

Entrevista de Armando Requeixo a Arcadio López Casanova no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Arcadio López Casanova (ALC): Vaille sobrando —paréceme— certa produción de literatura mol, obras light e funxibles (de usar e tirar), ó servizo de modas pasaxeiras. Fáltalle —e é unha falla importante— un panorama crítico rigoroso que, de verdade, estableza verdadeiras xerarquías e valores estético-literarios. Nin todo vale, nin todo vale o mesmo. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– ALC: Coido que ten un desenvolvemento importante en todos os xéneros e formas, pero fáltalle aínda abrir fronteiras, ter incidencia e representación fóra dos nosos lindeiros. Un sistema literario no só se ten que fortalecer internamente, senón tamén de cara ó exterior. Nese sentido, habería que potenciar moito as traducións (moi selectivas) a outras linguas (español, francés, inglés…) e potenciar —en ámbitos universitarios de fóra— as investigacións críticas sobre os nosos mellores e máis representativos autores.”