Carlos Mella: “Só a figura de Castelao me podía facer volver a un posto público”

Entrevista a Carlos Mella en Sermos Galiza:
“(…) “Levo moitos anos arredado da política e das institucións e o único posto que conservaba era o do padroado da Fundación Castelao, da que fun fundador. Propuxen a miña candidatura e o consello aceptouna. Para min é unha grande honra e un dos desexos máis queridos”, comeza a falar Mella para deixar sobre a mesa, de saída, a ilusión que lle fai presidir unha entidade que ten como obxectivo a promoción e difusión da figura de Castelao.
Na súa idea, a débeda con Castelao é facer valer o seu pensamento. “Recoñecer a súa figura é fácil, agasallar seus libros, tamén. Castelao é coñecido mais hai que comezar a poñer a disposición da xente a súa doutrina e o seu pensamento para que se asimile”, afirma ao tempo que idea iniciativas para difundir o seu ideario en colexios e vilas.
Cos debuxos de Castelao non se ri, dan para pensar e sacar unha filosofía. Temos que traducir o traballo en feitos, coñecer, respectar e transmitir as súas ideas galeguistas”, engade o novo presidente da Fundación Castelao. Como todo o tecido cultural, a Fundación Castelao vive a crise e falta de recursos do momento. “Todo está moi verde e son tempos ben difíciles, mais traballar na leira de Castelao e sachar nela é unha grande satisfacción”, comenta. De saída, aceptan a oferta do alcalde de Rianxo, Adolfo Muiños, para teren unha sede fixa na localidade natal de Castelao. Por diante quédanlle dous meses para estabelecer o plan de traballo da equipa que presidirá. “Temos que defender a importancia maiúscula da Fundación Castelao”, comenta. A falta de cartos vai ser unha dificultade que conta solventar a forza de traballo, xestionando os poucos recursos con imaxinación e esforzo. Declarar BIC a súa obra, a creación dun Centro ou Museo Castelao arredor da súa figura e mesmo facerse coa casa de Rianxo en propiedade son obxectivos que promoveu a Fundación e que agora a situación económica sitúan aínda máis lonxe e obrigan a reconducir os obxectivos e o traballo da entidade. A Carlos Mella non se lle esquece recoñecer a forza e enerxía de quen o precedeu, a entrega á causa de difundir a figura de Castelao por parte do anterior presidente Avelino Pousa Antelo, quen coñecera de rapaz ao fundador do Partido Galeguista.”