Compostela: acto de homenaxe a Castelao, 2022

O 7 de xaneiro, ás 17:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, a Fundación Castelao convida á cidadanía ao acto de homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

O programa previsto é o seguinte:
– Breve saúdo do Presidente.
– Actuación musical.
– Ofrenda floral.

Por consideración ao horario do Museo do Pobo Galego, agradécese ás persoas asistentes que estean alí antes das 17:00 horas, pois este acto comeza a esa hora e ten que rematar antes das 18 h.
Lémbrase tamén que deben portar máscara para cumprir coas medidas sanitarias obrigadas.

Carlos Mella: “Castelao foi moi pouco comentado e moi pouco lido”

Entrevista a Carlos Mella en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): A 70 anos da morte de Castelao, cal é o legado do seu pensamento que transcendeu até o día de hoxe?
– Carlos Mella (CM): Castelao foi o único que lle deu a Galiza unha formulación teórica. Até ese momento Galiza era un sentimento. Castelao, ademais de sentimento, foi quen de darlle unha formulación política, era o único que chegou a escribir o que poderiamos chamar unha idea do que debía de ser a Galiza e a España do futuro.
– ND: Por que se mantén vixente ese legado de Castelao?
– CL: Dío el: “Se non pensamos na Galiza, en que pensamos? Pensamos co estómago?”. É dicir, se lemos a Castelao, vemos que sabe que Galiza é unha nación, sabe que Galiza é un país de homes libres, mais non gusta nada desas historias fantásticas, desas formulacións máxicas que fan de Galiza algo que non sabemos o que é. El dedícase aos problemas reais da Galiza, e é o único que realmente se centra nese eido e trata de por remedio a esas dificultades.
– ND: Cales son as tarefas máis inmediatas a acometer pola Fundación Castelao?
– CL: Na Fundación damos a coñecer e estendemos o pensamento de Castelao, e que máis quixeramos nós que facelo máis. Porque co pensamento de Castelao cada un fixo del o que quixo: hai quen fala dunha Galiza independente apoiada no pensamento de Castelao; hai quen fala de Castelao como un personaxe perigosísimo para a unidade española… o que significa que o pensamento de Castelao foi moi pouco comentado e moi pouco lido, e Sempre en Galiza conviña lelo unha vez polo menos.
– ND: Cales foron os logros da Fundación Castelao nos últimos anos?
– CL: Dentro da escaseza terríbel de medios que temos, eu penso que fixemos uns cursos moi importantes para estender o pensamento de Castelao coa universidade de Santiago de Compostela, coa Universidade de Vigo, co Consello da Cultura Galega, co Concello de Rianxo, co de Lalín, coa Semana Ourensá de Análise Política… acho que fixemos unha boa ristra de acontecementos sobre Castelao e a súa filosofía e a súa política.”

Pontevedra: Festa dos Libros 2019

Xornadas Castelao. De onte a hoxe, os 16, 21 e 30 de outubro

Xornadas-Castelao

A Estrada: Encontro Castelao. Nova interpretación do seu pensamento, do 16 ao 18 de setembro

Castelao 1Castelao 2

Rianxo: curso Ó redor de Castelao, dirixido por Carlos Mella, do 28 ao 31 de xullo

O curso da Universidade de Santiago Ó redor de Castelao terá lugar entre o 28 e o 31 de xullo, no Auditorio do Pazo de Martelo en Rianxo, sendo cofinanciado pola Deputación da Coruña, o Concello de Rianxo e a Fundación Castelao.
Tendo como director a Carlos Mella, e secretario a Marcial Gondar, contará cun total de 15 horas lectivas, co seguinte programa:

28 de xullo
11:00 h. Inauguración do curso.
12:00 h. Castelao e a política, por Xusto Beramendi.
13:30 h. Coloquio.
17:00 h. Mesa redonda: A visión política de Castelao, moderada por Amancio Liñares Giraut, cos relatores Carlos Mella, Marcial Gondar e David Otero.
18:30 h. Ruta guiada polos lugares máis importantes na vida de Castelao.

29 de xullo
10:00 h. Castelao e o home galego, por Marcial Gondar.
12:00 h. Castelao e o mundo da muller, por Encarna Otero.
13:00 h. Coloquio.
17:00 h. Mesa redonda sobre os retratos de negros, moderada por Miguel Anxo Seixas, cos relatores Amancio Liñares Giraut, David Otero e Anxo Tarrío
19:00 h. Ruta guiada pola ría.

30 de xullo
10:00 h. A manifestación artística en Castelao, por Miguel Anxo Seixas.
11:30 h. Coloquio.
12:30 h. Mesa redonda sobre o relato curto en Castelao, moderada por Esperanza Mariño Dávila, cos relatores Carlos Mella, Marcial Gondar e Encarna Otero.
17:00 h. Ruta guiada polos museos de Dieste e Manuel Antonio.

31 de xullo
11:00 h. A visión económica de Castelao, por Carlos Mella.
11:30 h. Coloquio.
13:00 h. Clausura do curso.

O Consello da Cultura destaca a relevancia do Sempre en Galiza no 70 aniversario da súa edición

Desde Cultura Galega:
““Hoxe recordamos un libro que marcou o pensamento de sucesivas xeracións galegas e un autor que foi un símbolo para os seus coetáneos e para a posteridade”. Deste xeito, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), destacou a orixe das diferentes actividades preparadas para conmemorar os setenta anos da publicación de Sempre en Galiza de Alfonso R. Castelao. O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Fundación Castelao, celebrou no Parlamento un acto institucional presidido por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, Ramón Villares, presidente do CCG, e Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao. Alén do acto institucional, xa está dispoñible na rede a aplicación para dispositivos móbiles elaborada polo CCG e a Editorial Galaxia que contén o texto completo enriquecido con contidos adicionais.
A dimensión cultural e política tanto de Sempre en Galiza como do seu autor, Alfonso R. Castelao, destacouse nun acto de gran valor simbólico que tivo lugar na Salón dos Reis do Parlamento de Galicia. Alí procedeuse á lectura de fragmentos da obra, así como da súa explicación. Ramón Máiz, Justo Beramendi e Henrique Monteagudo, responsables da edición crítica do texto que editou o Parlamento en 1992, interviñeron para darlle unha visión actual do significado da obra de Castelao. Canda eles, diferentes personalidades como Víctor Freixanes, Inma López Silva, Marcial Gondar, Siro López, Xesús Palmou ou Margarita Ledo, entre outros, leron diferentes fragmentos breves da obra de Castelao. Ademais, exhibiuse unha mostra de varias lecturas realizadas por persoeiros que viven fóra de Galicia e que quixeron contribuír coas súas gravacións á difusión da obra. O acto foi presentado pola xornalista María Solar, mentres que a actuación musical correu a cargo do trío InVento. (…)”