A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anuncia que este xoves 25 de abril, a partir das 20:00 horas, no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), terá lugar a terceira conferencia dos VI Encontros Cidade da Coruña, organizados coa colaboración da Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. O escritor Antón Riveiro Coello falará sobre As voces ausentes. Literatura restitutoria, intervención que versará sobre as funcións da literatura na memoria da Guerra Civil, unha das grandes traxedias do século pasado, que, malia a recuperación dos últimos anos, ten sido, e aínda segue a ser, o primeiro territorio da invisibilidade.
Unha reflexión sobre como coa imaxinación e a través da vida de seres esquecidos podemos construír unha ficción cos lugares calados e invisibles da Historia, e como con eles podemos incidir na sociedade actual e transformala.
Literatura de restitución de voces ausentes como poden ser as das mulleres, a través das que se intenta canalizar a memoria e a percepción do conflito. Literatura tamén de recoñecemento ás vítimas, para lles dar unha homenaxe, sen entrar en ningún tipo de división ideolóxica.
Intentarase demostrar que escribir sobre (e dende) a Guerra Civil non é unha moda dos fillos ou netos da mesma senón un acto de compromiso e rebeldía contra o esquecemento desas personaxes humildes nas que tamén está representada a identidade colectiva. Literatura como unha opción ética e estética de poñer en tensión o pasado e inscribir nel estas novas olladas que aspiran a modificalo.
É dicir, a ficción, como lugar de exploración dos discursos do pasado, para iluminar eses espazos invisibles, para recompoñer as pluralidades das voces ausentes e achegar novas verdades a esa memoria en permanente construción.