Entrevista de Armando Requeixo a María Reimóndez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– María Reimóndez (MR): Creo que é hora de deixar de pensar na literatura galega en termos de carencias, creo que se ben temos problemas estruturais obvios, como o que son os obstáculos que nos poñen para chegar ás lectoras e lectores, temos tamén vantaxes importantes que temos que aprender a utilizar. A nosa principal vantaxe é que formamos realmente parte dunha comunidade na que se poden establecer, se así se desexa, alianzas. Quero dicir con isto que fronte ao márquetin temos os clubs de lectura, os centros de ensino, o apoio da música, do teatro, do cinema, hai un sector da nosa literatura que traballa cun afán de tecermos redes cada vez máis mestas e que temos que traballar por ampliar porque, entre outras cousas, son as únicas experiencias que teñen viso de chegar a cambiar a sociedade na que vivimos tamén a outros niveis. Fronte á cultura do superficial e inmediato, do comercial como único valor doutros sistemas literarios, no noso aínda prima ese valor comunitario de base e esa é para min a nosa gran oportunidade. Por moito que fagan por matala e pese a quen lle pese dende as institucións de poder (tanto aquelas españolistas como algunhas galegas) a nosa cultura está viva e seguirá a estar viva sempre e cando siga en conexión coa cidadanía.
Dito isto, ás nosas letras, e nisto sen dúbida non son excepción senón normalidade con respecto a outros panoramas, sóbralles, para canonizar un termo estupendo de María Yáñez e Helena Miguélez, pirolismo e tamén ás veces a falla de consideración da nosa posición de literatura occidental con respecto a outras culturas. Refírome con isto á contradición de laiarse seguido de que a nosa literatura non é coñecida e respectada fóra e logo falar do canon desexable e da “literatura universal” como aquela escrita por Shakespeare e Goethe (homes brancos heterosexuais e falantes de linguas hexemónicas). O do pirolismo creo que xa foi moi ben definido polas compañeiras antes mencionadas e por Rosalía de Castro, porque seguimos nun sistema literario que pretende seguir facendo de nós estranxeiras na nosa patria. Exclúesenos dos foros de debate, dos premios, das cousas “importantes”, fálase do noso aspecto físico no canto de das nosas obras e cando se fala destas resúmense a tropos como “universo feminino” e “literatura de mulleres”. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: Creo que xa a fun dando ao longo das demais respostas. Vivimos no paradoxo de ter a lingua á intemperie e a literatura a toda máquina. Así que creo que haberá que utilizar esta última e o resto de ferramentas que temos ao noso alcance (a música, o teatro, o cinema) para darlle acubillo e esixir a devolución de dereitos ás persoas galegofalantes. Porque a fin de contas penso que o que máis segue atraendo ao ser humano son as historias e de aí o éxito dos videoxogos e dos talkshows, cómpre que teñamos a intelixencia e o saber facer suficiente para aproveitar esa vantaxe para saltar os obstáculos e esquivar as pedras que se nos arrebolan.”