Entrevista de Armando Requeixo a Marcos Calveiro no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Marcos Calveiro (MC): Fáltalle o máis evidente: lectores. A causa de tal feito penso que é múltiple: por un lado vai unido ao problema que temos coa nosa propia lingua, tanto social como institucionalmente. Estamos a escribir en territorio inimigo, por desgraza. A min, nos centros, a mocidade aínda me preguntan porque escribo en galego, seguen a velo como unha anomalía, e que aínda fagan esa pregunta é sintomático da situación en que estamos. E por outra banda o actual goberno Feijoo aborrece a nosa lingua e non deixa de atacala e aldraxala decote… e así nos vai o conto.
Ninguén se queixa cando Feijoo subvenciona unha multinacional coma Citroën, mais os escritores galegos cargamos co sambenito de subvencionados cando non é certo. E aínda que o fose, non debería pasar ren. Semella que todos os sectores produtivos do país teñen dereito a subvención agás o cultural, cando arredor da cultura hai moitos postos de traballo e algo máis importante: a identidade do noso país. Síntoo, pero un libro en galego é moito máis importante que un automóbil dos que sae da cadea de montaxe de Citroën para venderse en calquera lugar do mundo. E o que non o queira entender así…
Temos tamén un evidente problema de visibilidade nos medios do país: calquera pailán de Madrid vén presentar o seu mediocre libriño a Galiza e ocupa espazo en todos os xornais ou no telexornal, un espazo que un escritor galego nin soñaría xamais. Penso que moitas veces non chegamos á xente, e non é por calidade ou variedade, penso que vivimos unha das épocas mais vizosas das nosas letras. Semella que fósemos unha literatura só para iniciados, agás no caso da LIX que ten unha ampla repercusión entre o lectorado grazas á vital intermediación dos educadores e que se traduce acotío a outras linguas. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MC: Como xa dixen antes, malia os atrancos, os ataques e a crise, penso que vivimos un momento moi vizoso das nosas letras: en temáticas, xéneros e calidades… non temos nada que envexarlle a calquera outra literatura peninsular. Fáltanos só a proxección alén do Padornelo, para iso a oficina exterior do libro galego sería fundamental, pero claro, batemos co maior inimigo da nosa cultura, da nosa lingua, do noso país: o seu propio goberno. (…)”