Compostela: inauguración da exposición Unha obra para un país: Fermín Penzol/Francisco Fernández del Riego

Desde Galaxia:
“O luns 8 de xullo, ás 12:30 horas, no Pazo de Fonseca de Santiago de Compostela, inaugúrase a exposición Unha obra para un país. Fermín Penzol (1901-1981) / Francisco Fernández del Riego (1913-2010) pretende conmemorar dúas importantes efemérides que se celebran neste ano 2013: O Cincuentenario do nacemento da Fundación Penzol e mais o Centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego. (…)
Esta dupla exposición que hoxe se trae a Fonseca distribúese en dous espazos que se complementan:
– No Salón do Artesonado pode percorrerse ao longo de 15 paneis informativos a vida de Fermín Penzol, a historia da súa fundación, a posta en valor dos seus fondos e unha breve presentación da institución na actualidade. Como complemento, nas diversas mesas e peanas pode apreciarse unha selecta mostra deste valioso patrimonio bibliográfico-documental. O denominado “recanto do bibliófilo” recrea este espazo tan frecuentado e querido por Penzol, cos seus propios mobles, libros e obxectos diversos.
– Na Capela gótica, seguindo un esquema similar aínda que con deseño diferente, o centro de interese é a figura e obra de Francisco Fernández del Riego. Presentadas, de novo, a través dunha ducia de paneis e complementadas tamén coas súas respectivas mesas e peanas, que amosan documentación e obxectos varios do devandito persoeiro. Nesta ocasión recréase o seu despacho ou lugar cotián de traballo.
En ámbolos dous espazos poden ser visionados dous vídeos. E na sancristía pode verse, a xeito de colofón ou elo común, unha longa entrevista feita no seu día na TVG a Del Riego dende e sobre a Fundación Penzol.
DATOS TÉCNICOS:
Lugar: Pazo de Fonseca. Praza de Fonseca s/n. Santiago de Compostela.
Datas: 8 de xullo 2013 – 2 de setembro de 2013.
Promove: Fundación Penzol.
Patrocinan: Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) e Universidade de Santiago de Compostela (Consello Social).
Comisariado: Mª Dolores Cabrera Iglesias, Henrique Monteagudo Romero, Mª Dolores Villanueva Gesteira.”