Hai cen anos, o 12 de xuño de 1909, nunha aldea luguesa (Seivane-Graña de Vilarente) do Concello de Abadín, nacía Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961). A súa formación comezou no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, para licenciarse logo en Filosofía e Letras pola Universidade compostelana, e converterse, finalmente en catedrático de Latín de Ensino Medio (1949). Aquilino Iglesia Alvariño foi responsable desta materia no Instituto de Lugo, no de Pontevedra e finalmente no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Unha sólida formación nos autores clásicos gregos e latinos e nos autores da modernidade deron como resultado unha obra poética das máis compactas e calladas que floriron na poesía galega do século XX.
Con motivo do centenario do seu nacemento, Xerais publica a monografía O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño do profesor Luciano Rodríguez Gómez, aproximación á súa obra poética estruturada en dúas sesións: Os días, que dá conta da súa peripecia biográfica, e As palabras, que propón unha lectura dos seis poemarios galegos que organizou e publicou Aquilino Iglesia Alvariño, un autor que fixo da lingua a súa patria.
Xerais uniuse á celebración dos actos deste centenario que, organizados polo concello de Abadín e o PEN de Galicia, terán lugar en Abadín hoxe venres, 12 de xuño a partir das 19:00 horas, cunha recepción diante do concello. A seguir os participantes desprazaranse a Seivane, onde na casa natal do poeta se desvelará unha placa conmemorativa e fará uso da palabra Luís González Tosar, presidente do PEN Galicia. De regreso a Abadín, ás 20:00 horas comezará un acto literario nas instalacións do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, no que intervirán os escritores Luís González Tosar, Santiago Fernández Rocha, Xosé Miranda e Luciano Rodríguez, Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Política Lingüística) e Francisco López Barxas (Director Xeral de Cultura).