Entrevista de Carme Vidal a Rafa Vilar en Sermos Galiza:
“Animalario estrafalario é o terceiro libro que o escritor dedica ás crianzas, após Acuarelas e Patente de corso. Trátase dun catálogo de cen animais aos que lle dedica cadanseu poema. Animalario estrafalario é o segundo libro publicado en e-pub por Sermos Galiza e que está ao dispor na loxa de Sermos Galiza.
– Sermos Galiza (SG): Cunha sólida traxectoria literaria que comezou hai máis de vinte anos, como se produce o encontro co público lector infantíl?
– Rafa Vilar (RV): Como escritor supuxo un reto. É un cambio na maneira de escribir, os destinatarios son outros, rapaces e rapazas. O primeiro libro que publiquei puiden testalo antes nas aulas e resultou unha experiencia moi grata. Iso animoume a continuar escribindo para esa idade. A compensación é ter un público espontáneo. Ademais, entendía que había pouca poesía infantil en galego escrita neste tempo e a vontade de responder a esta necesidade tamén me animou. A receptividade foi grande. (…)
– SG: Que aporta a poesía á infancia?
– RV: Por unha parte, satisfacción, se conseguimos darlle algo que lle guste, logo versatilidade no uso da lingua. Enriquece non só polo vocabulario senón tamén polas estrutura. A estas idades a recepción é fácil, a poesía chégalles sen grandes dificultades. Con rima e moito xogo interno non teño dúbida de que contribúe á adquisición da linguaxe.
– SG: Animalario estrafalario ve a luz en edición dixital, que supón para vostede como autor?
– RV: Os formatos dixitais ofrecen importantes posibilidades para a literatura. Non son catastrofista con respecto ao libro en papel mais vai ter que coexistir con outros formatos e cómpre ter en conta que hai xente que xa se está alfabetizando dixitalmente. Para min publicar en dixital abre outras portas á difusión.
– SG: Tamén é certo que o soporte tenlle que ser familiar. Vostede foi autor dun dos primeiros blogues literarios en galego, pioneiro en botar man da rede como ferramenta de difusión cultural.
– RV: Son dos que nunca lle puxo reparos á experimentar coas novas tecnoloxías e mesmo tratamos de incorporalas ao noso discurso literario. O formato dixital é máis barato, máis accesíbel entón para a xente, e pode chegar a públicos de todo o mundo.”