Desde a páxina web de Antía Otero:
“O pasado mércores, día 4 de decembro participei na presentación de Caderno de Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias, ao carón de Xavier Seoane e Manuel Bragado. Deixo aquí o texto da miña presentación:
“Se collemos unha peza de George de la Tour, o máis famoso dos pintores tenebristas fanceses, atoparémola. Daremos con esa luz que rompe o espazo e concentra toda a nosa mirada coma se dunha avelaíña pendurada no medio dun cuarto estivésemos a falar. Alí o descoñecido, a materia que non somos quen de descubrir nun primeiro plano e que só podemos imaxinar, como esos lugares nos que nunca estivemos e que inventamos basándonos en referencias, textos que lemos ou anécdotas que nos contaron.
O Caderno de Nilo, a pouco de abrirse, fai referencia á Magdalena Terff… Un cadro que George de la Tour pintou ao redor do 1643 e no que unha muller espera, ou desespera, mirando fixamente o corpo de luz dunha candea. A Magdalena está sentada e entre as mans sostén unha caveira. Non en van, o lenzo tamén é coñecido como a Magdalena Penitente, mais Cesáreo evita tintar á protagonista de toda moral relixiosa e patriarcal e escríbea no seu verso directamente como a Magdalena Terff, transformándoa nunha muller libre a piques de decidir que vai facer… que camiño escollerá mentras observa o corpo alongado dunha chama.
Pero non son estas as únicas referencias que o poeta manexa antes de iniciar a viaxe. Porque nesta preparación como parte do proceso creativo e vital, Cesáreo sácalle punta ao lápis antes de iniciar o trazado polos lenzos, tan lixeiros e contundentes á vez, como panos de Holanda ou sedas chinesas, e bota man do Oriente debuxado por Flaubert, naquel tema que lle obsesionaría dende a súa xuventude: a viaxe que camiña con un e o Eu que, co camiño, convértese en viaxe.
“Un río riseiro e magnífico, que asemella máis un océano que outra cousa”
Así describiu ao Nilo, Gustave Flaubert na súa obra Nilo. Cartas de Exipto. Unha crónica dos nove meses de periplo que o autor de Madame Bovary realizou en 1850 e que contou a través das cartas que enviaba á súa nai e a un amigo da infancia… Porque tamén en Caderno de Nilo hai esa vontade de contar, de deixar rexistro, de facer á lectora partícipe de cada lousa que forma o trazado.
O poeta vóltase arquitecto, planificador de presentes na vontade de construir a viaxe dun xeito contundente e duplo, pois dise que a verdadeira viaxe é a que se fai dúas veces: unha primeira cando lemos sobre ela e, unha segunda, ao longo da viaxe en sí mesma. Mais eu engadiría, que Cesáreo realizaa en tres ocasións: a da realidade ensimismada (tal e como di no texto que inicia o libro), a da viaxe en sí e a do ronsel que deixa a súa presencia por cada e unha das rúas que describe, dos momentos de soidade, dos templos que olla e bosquexa no seu caderno.
Porque a viaxe que describe o Caderno do Nilo non é unha viaxe ao xeito épico de Homero pois, aquí, non hai Ítacas ás que retornar, nin Penélopes que deixar envellecendo postas a proba polos séculos dos séculos á beira do tear. Esta viaxe non embarca nun periplo patrocinado por Atenea, senón que camiña cara outro tipo de literatura; aquela que busca con liberdade realizar a crónica, debullar o caderno recordándonos á escrita periexética iniciada no periodo helenístico.
Ese punta de lanza comezada por Hecateo de Mileto e Pausanias, entre outros, e cuxa vocación era a de recoller información dos pobos, das xentes, das costumes dos lugares visitados… Máis neste libro nós, como lectoras, temos a sorte da nosa parte porque, lonxe dunha guía de viaxes ( máis apta para turistas que para viaxeiras), Cesáreo constrúe e peneira os datos coa ollada bisturí do poeta e enche o relato de luz, lapislázuli,columnas campaniformes, palmiformes, fasciculadas, capiteis estriados, arrecendos a especias e condimentos, xenxible, anís, azafrán, follas de té, paseos por Luxor, a grandeza do palacio de Karnak, rúas políglotas, mercados, sabor a pan, uvas, granadas, hibisco, dátiles, atmósferas do Cairo ou reflexos do sol na roupa lavada no Nilo como telón de fondo. Unindo a arte de ver coa arte de escribir e traendo para nós ese todo que se contén no seu propio nome.
Di a Historia que a Hatshepsut, a raiña faraón da decimooitava dinastía de Exipto, foi a muller que máis tempo pasou como dirixente do trono das Dúas Terras e que unha vez rematado o seu tempo de mando, o seu nome foi mandado borrar polo seu sucesor e fillastro Tutmosis III sistemáticamente dos anais e dos edificios exipcios. Ben fora por vinganza ou por conseguir certa lexitimidade familiar, o caso é que o nome da Raiña caeu no esquecemento e incluso hoxe en día, xa co seu sartego aberto e a súa momia obesa estudada, as opinións sobre a matriarca soen ser variadas. Algúns falan dela como unha usurpadora do poder, outros coma dunha muller valente. Cesáreo non é xordo á Historia e no seu libro fálanos do suceso desenterrando a arqueoloxía.
Ás veces, na lectura deste libro un ten a sensación de atoparse facendo descubrimentos contínuos. Eu, que nunca viaxei alí, sentía que dalgún xeito estaba a facer, da man do autor, a primeira parte da viaxe. Esa primeira parte que se conforma de lecturas sobre o lugar. Porque aquí, a vida do río está condensada na palabra que lle dá nome e, o Nilo, non deixa de ser nesta obra como un contedor inxente, un tesouro incrible descuberto por Flaubert, Herodoto, Ali-Bey ou Pierre Loti….
Máis tamén hai moito de emoción nos ollos pola primeira visión, similar a aquela que puideron ter Mary Leakey cando contemplou os cráneos dos primeiros homínidos, Schliemann ao desenterrar Troia, Howard Carter ante Tutankamon ou Lloyd Stephens descubrindo o mundo maia.
O Nilo é o lugar a descubrir e con el a incerteza. Por iso o poeta acubíllase na deriva e na inseguridade do recordo. Esa que é fráxil e prudente a un tempo e que nos permite retornar unha e outra vez ao lugar vivido.
Retorno ao Caderno do Nilo, chamando polo poema
para que algo permaneza extraviado na memoria – di Cesáreo
e a min non me queda outra que convidarvos a que vos extraviedes….