Concesión da Medalla Alberto Nepomuceno, da Universidade Estadual do Ceará-UECE (Brasil), a Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG

A Universidade Estadual do Ceará – UECE (Brasil) vén de lle conceder a Medalla Alberto Nepomuceno, na modalidade Mérito Artístico, dada a súa actuación a prol da Cultura, das Letras e das Artes galegas, ao poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
A entrega farase no marco dos diversos eventos culturais e académicos en conmemoración do Día das Letras Galegas, organizado polo Gabinete da Reitoría da UECE, en parcería co Núcleo de Extensión de Ensino de Lingua Galega, do Centro de Humanidades-CH/UECE, na semana do 20 ao 24 de maio de 2019.
A programación contará coa presentación da versión brasileira libro de poesía Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez, por parte do Profesor Doutor José Jackson Coelho Sampaio, que terá lugar no Cine Teatro São Luiz, nesta cidade, no día 24 de maio de 2019, ás 18:00 horas, onde actuará a cantora Uxía en Fortaleza, co acompañamento da Orquestra Sinfónica da UECE.
A estadía do autor incluirá unha conferencia por el impartida no curso de Letras da Universidade, co obxectivo de dar a coñecer os recursos dixitais que a AELG ofrece a través da súa web para o ensino da literatura galega.

Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o luns 25

DoFeira Libro Bos Aires Compostela cidade convidada 19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente, desenvolven un programa de traballo onde, entre outros actos, o presidente da AELG participará nunha mesa redonda titulada Diálogo de autores arxentinos e galegos, que compartirá con Graciela Aráoz, da presidenta da Sociedad de Escritoras y Escritores de Argentina (SEA), o luns 25 de abril, ás 18:00 h. Farán unha presentación das respectivas entidades e compartirán as inquedanzas das dúas entidades e as ferramentas de traballo e interconexión entre os profesionais das palabras. Dúas visións desde as dúas beiras do Atlántico.

Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o luns 24 de abril:
10:00 h. Diálogos con estudantes: encontro con Manuel Rivas e entrega do premio literario Rosa dos Ventos, no Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol.
17:00 h. Presentación de Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, publicado por Xerais. No Stand.
18:00 h. Mesa redonda Diálogo de autores arxentinos e galegos, con Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Graciela Aráoz, da presidenta da Sociedad de Escritoras y Escritores de Argentina (SEA). Presentación das respectivas entidades e compartirán as inquedanzas das dúas entidades e as ferramentas de traballo e interconexión entre os profesionais das palabras.
19:00 h. Presentación de Historia de Galicia, de Ramón Villares, publicado en Galaxia e Mar Maior. Xunto ao autor participa Víctor F. Freixanes. No Stand.
19:00 h. Conferencia de Fina Casalderrey, na Biblioteca Guido y Spano, presentada por Anxo Lorenzo.
19:00 h. Encontro cos lectores de Domingo Villar, na Biblioteca Casa de la Lectura.
20:00 h. Encontro con lectores de Ledicia Costas, na Biblioteca Guido y Spano.
20:00 h. Poesía escrita por mulleres, con Yolanda Castaño. No Stand.

“Un libro como unha viaxe: Caderno do Nilo“, artigo de Teresa Seara

DesdeCesáreo Sánchez Iglesias Caderno do Nilo Xerais:
“Reproducimos o texto coa intervención de Teresa Seara sobre o poemario Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, lido o 16 de xaneiro na libraría «A lus do candil» de Arteixo:

Desde o momento exacto en que abrimos os ollos á vida, crávasenos profundamente o aguillón da curiosidade, un forte desexo por desentrañarmos os segredos e marabillas do entorno. Arelamos así descubrir outros espazos quizais porque levamos inscrito, na espiral máis recóndita do ADN, o rumor do distante -parafraseando o título dunha obra previa de Cesáreo. De aí que o misterio que reside en lugares remotos nos atraia cun engado irresistible e que experimentemos o feito de descubrilos como unha grande e gozosa aventura.
Así lle sucede a Cesáreo con Exipto pois, tal e como confesa no texto que antecede aos poemas de Caderno do Nilo, o río convócao ao seu carón por terceira vez por efecto dunha forza misteriosa que o adentra nas augas que flúen, asemade, polo seu propio interior. Deste xeito os novos signos que o eu descubre nas ribeiras falan tamén da súa propia intrahistoria xa que, como nos ensinou Fernando Pessoa, “As viaxes son os viaxeiros. O que vemos non é o que vemos, senón o que somos”. Polo tanto, no proceso da viaxe, o eu reencóntrase coa auténtica dimensión de si mesmo, coa súa orixe primeira que percibe, sobre todo, cos ollos do corazón. E así advírtenos:

leo os signos que queren ser da luz
a súa delgada transparencia.

Unha luz que “vén no pregamento dos séculos” e transita pola historia desprazándose do pasado ao presente, sinalando a crónica das viaxes como parte fundamental da memoria da humanidade que só progresa coa busca do intuído, por máis irracional que este poida parecer a priori. Desde aquela primeira migración dos homínidos -hai máis de 100.000 anos- desde África até Eurasia, a historia foise enchendo cos nomes dos que elixiron indagar nos segredos incógnitos ao ancho e longo da Terra. Marco Polo, Cristóbal Colón, Helen Stanhope, Núñez de Balboa, Cabeza de Vaca, Freya Stark, Livingston, Amundsen e tantos outros abriron rutas que nós percorremos, ou percorreremos, nalgún momento da nosa vida pois un nunca emprende só a súa viaxe senón que pousa os pés sobre as pegadas dos que o precederon. Por iso, en Caderno do Nilo, sentimos a calor de Flaubert, George de la Tour, Pierre Loti ou Nagib Mahfuz emanando aínda con forza nas areas do río xa que todos eles, como o noso poeta, difundiron os seus misterios para así preservalos dunha perda irremediable.
É certo que hoxe en día a viaxe ten cambiado moito nas súas formas e obxectivos. Viáxase por pracer, por mero turismo, para escapar do cotián… pero estes son periplos baldíos que impiden achegarse ao outro co respecto e mesmo coa devoción que Cesáreo profesa, e demostra, neste libro. Armado con papel e lapis, o poeta captura marabillas, curiosidades e estremecementos; adéntranos nos templos míticos (Elefantina, Tebas, Karnac, Luxor, Assuán, Gizeh…) ou aliméntanos nos bazares e cafés con aromas de especias, té e doces. Porque, en definitiva, Cesáreo segue a consigna do primeiro historiador, Heródoto de Halicarnaso –tamén el viaxeiro reincidente polo Nilo-, cando confesaba que escribía para que “os logros humanos non se perdan no tempo”.
Así indaga o noso poeta nos mananciais ocultos, nesa corrente subterránea, moito máis copiosa ca el mesmo, que se di que contén o Nilo. As augas freáticas, orixinais, son as que sucamos en cada verso cando o eu anuncia:

Navego o río
que se fai escrita e luz sen corpo e corpo sen tempo.
Vou cara ás fontes.

Xa que logo procura o primixenio pero antes debe “desaprender o que está aquí”, na casa de Liáns, o punto cero deste seu “Camiñar o aínda invisíbel”.
A ritmo lento desfilan polos textos de Cesáreo as ribeiras, a fauna e a flora fluviais, os pescadores e as mesquitas pois, como el di,

xentes de aquí e acolá deletrean os nomes do río
son o río que non acaba de pasar.

Mais o Nilo evidencia curiosas dualidades: é externo pero tamén subterráneo, contén o presente e preserva o pasado, une terra e ceo como quen pasa do plano real ao mítico nun segundo, pon en contacto ás persoas e aos deuses pois as súas augas son ruta derradeira das almas migrando cara ao reino de Osiris tras da morte. Con paciencia e entrega, o eu, sobrecollido de beleza, desenmaraña estes significados, captura a luz dos materiais pétreos, o silencio reverente dos templos, as mensaxes inscritas nos xeroglíficos, o misterio das construcións ciclópeas e convérteos logo en versos que manan, como o propio río, polas veas deste libro-cauce. Descubre entón que “Todo é signo e símbolo contra o esquecemento” pero tamén debe enfrontarse á profunda dúbida de

Como ler a luz
no frío e branco silencio da noite coas súas sombras?

Mais a viaxe posúe tamén unha dimensión existencial, ontolóxica, que ameaza con afogar ao ser baixo o seu desmesurado peso. E así:

Son un pequeno ser no interior do celeste
que transita o alto ceo
no escuro, na alta luz sen sombra no rumor do ar
na claridade que non sabe do voo.
Todo retorna do seu nacer.
Escoito os soños das estrelas. Sobrevoo a quietude.
Veño a ser inacabada calandra, pequena ave
sen destino.

De non existiren imprevistos, toda viaxe remata co regreso á casa. A de Cesáreo por Exipto tamén. Pero cabe preguntarse se volvemos igual a como marchamos. Di Paul Morand que “Unha viaxe é unha nova vida, cun nacemento, un crecemento e unha morte, que nos é ofrecida no interior da outra”. E así o viu tamén o noso poeta quen nos outorga, neste Caderno do Nilo, a oportunidade de transcendérmonos desde a nosa fráxil existencia en algo máis duradeiro. De certo, tampouco nós somos xa os mesmos despois de ler esta obra pois, en palabras de José Vasconcelos, “un libro, como unha viaxe, comézase con inquedanza e remátase con melancolía”.”

Arteixo: presentación de Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias

OCesáreo Sánchez Iglesias venres 16 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, intervirá Teresa Seara.

Convite Caderno do Nilo

Cesáreo Sánchez Iglesias: “A poesía permite chegar ás capas máis profundas do que ves e sintes”

Entrevista de Carme Vidal a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Caderno do Nilo evoca, pola viaxe e a descuberta das raíces culturais, o percorrido polos camiños históricos do noso país de O rumor do distante.
– Cesáreo Sánchez Iglesias (CS): Só é posíbel escribir este libro e entrar con nudez e humildade noutra cultura se un percorreu xa a propia, se ten os alicerces fondamente chantados na propia cultura. Só así se abrirá o camiño para ir tamén á propia soidade. Finalmente, é aí onde conduce toda viaxe, ao centro da propia soidade.
– SG: Na viaxe e no libro, atópase coa inmensa cultura e historia que atesoura o Nilo. Esa é a realidade que quixo reflectir nos seus poemas?
– CS: Achegueime, de maneira especial, á natureza humanizada, aos monumentos que volveron ser natureza anónima. As cidades, ao seu xeito, nacen, viven e morren como seres humanos. As marxes do Nilo son un grande patio de viciños e ao mesmo tempo forman parte da sacralidade do territorio. Que o río fose expropiado da súa divindade, que non se lle permita ter crecidas, significa tamén que o propio río volve ser unha natureza derrotada. Por iso permite un diálogo moi humano. Ao tempo, é un ser vivo, con hortas nas súas beiras, no linde do deserto, sen dúbida, o territorio máis fondo de reflexión posíbel. A nosa terra é moi fértil, humanizada, e iso atopámolo nas beiras do Nilo, non no deserto. Alí o concepto de noite e tamén de luz son distintos, producen certo desamparo. No alto Nilo estamos noutro hemisferio, as estrelas xa non son as mesmas que vemos todos os días e o concepto de soidade multiplícase. (…)
– SG: Esa referencia á historia e ás expresións artísticas fan que a súa sexa unha poesía culturalista?
– CS: Os alicerces culturais están aí mais non gosto da erudición na poesía, só as referencias necesarias como elementos de humanización, o arredor cultural do propio poema. Gusto que os libros teñan biografía. Vivín a transformación que a viaxe produciu en Flaubert ou Paul Klee e sentinme atraído polo efecto de oriente, do Nilo na súa obra. Levo décadas buscando a Safo polo Mediterráneo e o Exeo, tentando entender como é posíbel que hai dous mil anos nacera unha poesía que semella recén escrita.
– SG: Por que esa experiencia se transforma en poesía e non noutra fórmula de caderno de viaxes?
– CS: É a miña forma de comunicarme co mundo, unha forma de coñecemento. Pola poesía podes chegar á alma das cousas, ás capas máis fondas do que ves e sentes. Para min é a maneira de entrar no profundo do ser humano. A comunicación que se establece cos que len dáse nun territorio interior.
– SG: Río, memoria, silencio… hai conceptos que na súa poesía son recorrentes.
– CS: A relación do ser humano coa natureza tamén determina a memoria. A miña poesía procura buscar nas capas máis profundas, tamén como a memoria, como forma de ir ao lugar primeiro. Ao meu ver, as poéticas non son únicas, son a suma de poéticas. Na nosa propia realidade, a historia e a memoria teñen moita relevancia, son determinantes para coñecer o que somos.”

Cesáreo Sánchez Iglesias e Antón Cortizas, premios Losada Diéguez

Desde Sermos Galiza:
“Por unanimidade, Caderno do Nilo (Xerais), de Cesáreo Sánchez Iglesias, resultou gañador da XXIX edición do premio Antón Losada Diéguez na categoría de Creación Literaria que recoñece unha obra publicada no ano anterior. A viaxe literaria de Cesáreo Sánchez no territorio do Nilo foi valorada por un xurado que destacou a súa madurez e as novas achegas no ámbito estilístico e de revisión das propias experiencias, cunha voz singular que goza xa dunha sólida traxectoria no ámbito da poesía. (…)
“Só é posíbel escribir este libro e entrar con nudez e humildade noutra cultura se un percorreu xa a propia, se ten os alicerces fondamente chantados na propia cultura. Só así se abrirá o camiño para ir tamén á propia soidade. Finalmente, é aí onde conduce toda viaxe, ao centro da propia soidade”, explica Cesáreo Sánchez Iglesias no seu libro. Para Sánchez Iglesias a poesía é a súa forma de comunicarse “co mundo, unha forma de coñecemento. Pola poesía podes chegar á alma das cousas, ás capas máis fondas do que ves e sentes. Para min é a maneira de entrar no profundo do ser humano. A comunicación que se establece cos que len dáse nun territorio interior.” (…)
Na modalidade de Investigación e Ensaio, a obra gañadora foi Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais, un catálogo explicativo dos xoguetes que constitúen un patrimonio único herdado de xeración en xeracións que elaborou o escritor Antón Cortizas despois de anos de traballo e estudo. O xurado, composto por membros da Universidade da Coruña e Vigo, do Consello da Cultura Galega, do Museo do Pobo Galego e da Deputación de Ourense destacou a rigurosidade e o traballo polo miúdo na recompilación, reconstrución e conservación dun patrimonio cultural único de grande valor para as xeracións vindeiras.
Tastarabás recolle arredor de mil brinquedos recompilados ao longo de dez anos que deron nunha obra monumental na que se atesoura o patrimonio da infancia doutros tempos. O autor, Antón Cortizas, define o libro como unha grande ludoteca tradicional ou mesmo un museo de brinquedos, boa parte deles reconstruídos por el mesmo. Cortizas defende o seu libro como un proxecto colectivo no que recoñece o labor de centos de informantes que contribuíron a súa elaboración e tamén de escritores e escritoras que manifestan “señardade pola infancia e son, a súa maneira, tamén fontes de información”. (…)
Os premios, que foron creados en 1985, entregaranse o 14 de xuño no Pazo de Moldes, en Boborás e, alén do recoñecemento, están dotados con 6.000 euros por categoría.”