Entrevista de Montse Dopico a Olalla Cociña en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): No teu poemario anterior, Libro de Alicia, estaba tamén presente a infancia, a través das “nenas”. Neste libro [Ningún precipicio] volve a infancia. Pero non hai idealización da mesma. Como se conectan estes dous libros?
– Olalla Cociña (OC): Volven estar as nenas, e coido que seguirán estando no que escriba porque me habitan. A infancia ocupa un papel chave na miña escrita, toda persoa adulta leva dentro de si a nena que foi e considero importante escoitala sempre, mirar a vida con ollos pequenos, que non inocentes. Reconectar con episodios sucedidos nunha época que foi esencial para a configuración do ser humano pode doer pero á fin resulta benéfico e revelador.
Por outra banda, sérveme para contar ou cantar o que quero, e moitas veces só é un campo semántico ao que recorro porque contén imaxes que me resultan poderosas, lumínicas. Por suposto nunca podería ser unha infancia idealizada, porque sería falsaria, allea ao que eu considero poético. (…)
– MD: O que si mantén, dos poemarios anteriores, é a presenza do cotián. Os recordos da infancia, os instantes que ficaron fixados na memoria -aínda que aparezan ficcionados-. De que xeito se basea este poemario nas sensacións, emocións… ligadas ao cotián?
– OC: O cotián convoca todos os nosos sentidos e iso é algo que me interesa na poesía e na arte en xeral: a emoción que chega sen un plan ou pensamento previo, dun xeito orgánico, físico. E tamén o cotián parte dun universo pechado que se pode abrir infinitamente: a poesía bebe do pozo inesgotable do real, do tanxible, é, ou aspira a ser, o real. O cotián contén o mundo todo. Gastón Bachelard incitounos, falando da miniatura na súa Poética do espazo, a “rebasar a lóxica para vivir o grande que existe dentro do pequeno”.
Por outra parte resultaríame moi difícil escribir algo que non me atinxa, que non teña a mao ou que non me sexa coñecido, sentido. (…)”