Rianxeiras vivas fronte a rianxeiros mortos
Seguramente en Rianxo tamén se fixo e pode que se siga facendo a sega. Porén, resulta difícil sabelo porque semella que o único que queda desta vila mariñeira son os nomes dos rianxeiros mortos. Homes ilustres. Mais mortos. Pouco máis se sabe e se fala a día de hoxe de Rianxo, se ben ao arredor dos seus monumentos hai unha fermosa vila viva pola que camiñan rianxeiras tamén vivas, non só a que vai pola ribeira, senón as que falan con seseo e cheísmo e din cousas como “cando ti mamabas eu xa roía codia”.
Coa nosa literatura por veces semella pasar o mesmo que acontece en Rianxo. Sábese moi pouco de quen non son homes ilustres e sábese sobre todo dende parámetros que non só ignoran senón que estigmatizan a escrita e a lectura coñecedora do 50% da humanidade. Estes son os motivos que levaron á creación d’A Sega hai agora un ano, dacabalo entre o mes que celebramos unha autora que de vello se dicía que escribía coma un home ou que era unha chorona corpórea da “patria” e o mes que as mulleres tomamos para falar de nós e para saír as rúas de todo o mundo.
A eses rianxeiros mortos cómpre lelos con novos ollos. E cómpre que non ocupen todo e todos os espazos. Aquí, na Sega, impórtanos que a literatura do 50% da humanidade sexa visible e teña un tratamento digno. Mais tamén sachamos en cuestións que van alén da superficie e tentamos reformular dende as nosas intervencións case semanais o propio concepto do coñecemento. Nosoutras cremos nos coñecementos plurais, non só daquelas que teñen o recoñecemento institucional ou do patriarcado. Practicamos o coñecemento das mans que segan e das mans que pescan, dende o noso monte e os nosos mares rexeitamos conceptos elitistas e pechados de quen debe falar e quen calar. Sobre todo porque ao final falan e calan sempre os mesmos e as mesmas, respectivamente.
Nas nosas mans que segan e que pescan o coñecemento reformúlase como un espazo ético e de aprendizaxe. Por iso se cadra o máis interesante acontece mentres segamos. Nos debates que mantemos no interior da nosa crecente estrutura horizontal e aberta, na que segadoras de diversas latitudes e parámetros aprendemos e medramos, damos saída ás nosas curiosidades e visións converxentes ou diverxentes dos textos. O noso non é o traballo solitario da crítica que busca marcar un canon dende o poder hexemónico, nin sequera o traballo meritorio de moitas bitácoras que buscan a divulgación. Na Sega experimentamos, argumentamos, colaboramos e cantamos mentres imos botando gabela a gabela as nosas visións sobre libros e outros formatos da cultura.
Seguramente, como lles pasa ás mulleres que segan e pescan, o noso traballo non sexa recoñecido, seguramente non levaremos premio ningún nin cobraremos xornal de ningún medio de comunicación polo noso pensamento. Mesmo hai quen hai pouco falaba destes espazos da crítica en internet coma “nichos”, fronte a, puidemos entender, a crítica “como deus manda”. Nosoutras cremos nos nichos só para quen está morta, o noso espazo na rede, ben ao contrario, está vivo e vizoso e permítenos existir mentres os mundos do “como deus manda” nos exclúen. Mais que ninguén se alporice, hai sega alén de internet! Este ano prometemos accións vizosas dende os cantos de quen sega co riso na boca pero sen esquecer o foucín da man. Seguramente nin nosoutras nin moitas das autoras das que falaron entrarán no panteón de rianxeiros ilustres mais nós seguiremos traballando polas vivas, rianxeiras ou non.