Cuestionario Proust: Alejandro Tobar

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Alejandro Tobar:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son polo xeral unha persoa constante.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A coherencia, que de seu implica moitas outras.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Afecto.
4.– A súa principal eiva?
– Talvez que ás veces perdo o tempo da maneira máis parva.
5.– A súa ocupación favorita?
– Todo o relacionado cos libros, con moita diferenza sobre o resto.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non teño un ideal de felicidade. Irase vendo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Supoño que a dor e a enfermidade na esfera íntima.
8.– Que lle gustaría ser?
– Estou contento co que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo, en Galicia. Pero se puidese nacer de novo e saber o que sei, a historia sería distinta: se cadra, Noruega.
10.– A súa cor favorita?
– Non teño unha cor favorita. As paredes das casas gústanme en branco.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Sucede que son alérxico ao pole.
12.– O paxaro que prefire?
– A pega, por exemplo.
13.– A súa devoción na prosa?
– A pluma de Thomas Mann na novela A montaña máxica.
14.– E na poesía?
– Moito me gustou no seu momento a poesía da vangarda histórica latinoamericana. Oliverio Girondo paréceme moi bo.
15.– Un libro?
– Volvo sobre A montaña máxica de Mann. Pero hai tantos!
16.– Un heroe de ficción?
– Encántame Sherlock Holmes e faime graza Philip Marlowe.
17.– Unha heroína?
– Khadula, a protagonista da novela A asasina.
18.– A súa música favorita?
– O mesmo Schubert ca Willie Colón. Agás á actual radio-fórmula, que me parece a todas luces un atraso cultural, a case todo lle atopo algo de bo.
19.– Na pintura?
– Non coñezo moito, pero poden chegar a gustarme moitos estilos distintos. Os murais de Lugrís parécenme de marca maior.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Heroes, non; valoro en todo caso determinadas facetas de xente moi diversa: Rosalía, Steinbeck, Ricado Darín, Albert Pla, Turguéñief, etc.
21.– O seu nome favorito?
– Tampouco non teño un nome favorito.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Non me convence a xente que berra nin a que de natural é porca.
23.– O que máis odia?
– O nacionalismo español paréceme desprezable. Trátase por desgraza dun hábito moi común co que debemos lidar acotío. Odio non, pero desprezo xa digo que moito.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Os ditadores e os sátrapas. Pero tamén os Rockefeller e compañía.
25.– Un feito militar que admire?
– Sen querer restarlles valor a determinados acontecementos históricos, coido que feitos militares non admiro ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Non sei cantar. E gustaríame.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen sufrimento.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Calmo e polo xeral aceptablemente positivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O boísmo, que, non sendo unha boa doutrina, considero respectable.
30.– Un lema na súa vida?
– Non adoito rexerme por lemas.”