Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carlos Pereira Martínez:
«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Considérome unha persoa honesta e con moita curiosidade intelectual.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A honestidade e a humildade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Ás amizades non lles pido nada.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión, certa desorde e as típicas arroutadas de xenio dos Aries.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler, debuxar, investigar, escoitar música. A masonería.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha xubilación con saúde e activa culturalmente, na compaña da muller que amo e coas fillas coa vida encamiñada.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A morte das miñas fillas.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ademais de historiador, que xa me enche, concertista de piano (unha utopía, vamos).
9.– En que país desexaría vivir?
– Onde vivo, Galicia, con algunha escapada a Uruguay, onde nacín.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello.
11. – A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– A rula.
13.– A súa devoción na prosa?
– Mark Twain, Gabriel García Márquez, Juan Carlos Onetti, Mario Benedetti, Philip Roth, Amos Oz, Antón Riveiro Coello…
14.– E na poesía?
– A Xeración do 27, Antonio Gamoneda, José Ángel Valente, Pessoa, a xeración dos 80 de Galicia, Pilar Pallarés, Eva Veiga, Olga Novo…
15.– Un libro?
– Pedro Páramo, de Juan Rulfo, El Aleph, de Jorge Luis Borges, La tregua, de Mario Benedetti, The Road, de Cormac McCarthy, As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello.
16.– Un heroe de ficción?
– Os de territorios de fronteira: Hiram Abif, Parsifal, Don Quixote, Martín Fierro…
17.– Unha heroína?
– Isis, Antígona, Leonora…
18.– A súa música favorita?
– A clásica: nela, sobre todas as cousas, Beethoven. Logo Bach, Bartok, Shostakovich… Puntualmente, para evocar a mocidade, Hendrix, Bob Marley, Dylan..
19.– Na pintura?
– O Bosco, Velázquez, Goya, Blake, os surrealistas europeos, Luís Seoane, Alfonso Costa, Manuel Ayaso.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– José Gervasio Artigas, Garibaldi, Gandhi…; as mulleres que defenderon a Coruña en 1589 (María Pita, Inés de Ben…), María Deraismes, miña nai.
21.– O seu nome favorito?
– Isis e Cloe, os das miñas fillas. Para home, Ares.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A hipocrisía e a fachenda.
23.– O que máis odia?
– Todo o que teña relación co fascismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todos os tiranos mesiánicos e xenocidas, de calquera cor (Hitler, Franco, Stalin, Pol Pot…).
25.– Un feito militar que admire?
– As guerras de emancipación americanas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Poder dominar moitas linguas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Con ganas de facer cousas e resistindo (non sempre) á tentación da preguiza.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os que non nos firan.
30.– Un lema na súa vida?
– Pasiño a pasiño faise camiño.”