Entrevista a Xosé Ramón Barreiro

A Real Academia Galega subsiste ou existe?
Está realizando unha función moi positiva. Está penetrando na sociedade. Ten unha autoritas sobre a cuestión lingüística e desenvolve unha serie de actividades culturais evidentes.

(…) Quen financia a Real Academia Galega?
Está financiada no 80 % pola Xunta, por dous condutos. Un, pola entrega dunha cantidade para gastos de mantemento, persoal, etc, pola Consellería de Cultura. Dous, a través de convenios con Política Lingüística, que posibilitan a elaboración dun dicionario castelán-galego, que xa está na rúa; unha nova edición do dicionario galego, que sairá en outubro; e a elaboración de estudos de sociolingüística. En van, intentei eu convencer os presidentes, a ver se o consigo agora con Feijóo, que a Academia non necesita convenios, senón pasarlle o presuposto á Administración autonómica, como está o Consello da Cultura. Nada máis (…)

Cal sería a fórmula máis acaída para que dúas ou máis linguas convivisen en igualdade?
O castelán ten unha forza extraordinaria, é non só porque é unha das linguas do mundo, senón porque ten con ela todos os medios de comunicación, porque hai unha presión social evidente en lingua castelá. Non hai unha situación de equilibrio entre o galego e o castelán. Para contrarrestar ese desequlibrio hai que poñer un plus de apoio ó galego. E aí é onde entramos na polémica. Ese plus significa que lle negas dereitos ós demais ou simplemente significa buscar ese equilibrio? Esta é a cuestión…

Desde o punto de vista educativo o importante é a libre elección dunha das dúas linguas ou a aprendizaxe das dúas?
Desde o punto de vista educativo hai que poñer aquelas condicións obxectivas de igualdade que lles permitan a todos os alumnos poder expresarse en forma bilingüe. Para ter liberdade hai que ter as mesmas condicións e hai que saber. E non me valen argumentacións farisaicas, como que pasa cun señor que vén de Xirona, pois hai mecanismos legais para salvar esa situación.

Que opina da enquisa feita pola consellería de Educación?
Coa crise económica que temos enriba, que este Goberno centre a polémica na lingua, cando é un tema paixonal ó que ninguén é indiferente, unha de dúas: ou non sabe por onde anda ou é extraordinariamente intelixente, pois é a forma de ocultar os graves problemas de Galicia para que ninguén fale deles. O máis sorprendente é que a oposición se deixe levar e entre nunha batalla campal pola lingua, sen denunciar os graves problemas que ten o país.

Internet e as novas tecnoloxías da comunicación axudan ou dificultan a difusión do galego?
Estano desfavorecendo, pero tamén pode ser un instrumento positivo. Precisamente o problema é que os Gobernos galegos non entraron nesa cuestión. Estamos nun país que, pola situación e as circunstancias que ten, non está no corredor do poder financeiro que pasa por Londres, París, Bruxelas, Berlín… Nin temos unha base demográfica de cidades nas que realmente poida xogar ese poder financeiro. E nas grandes tecnoloxías estamos actuando a rebufo das grandes forzas sociais e políticas. Iso fai que o poder galego non acabe de potenciar o xenio creador galego. A todos os Gobernos galegos lle faltou esa visión profunda de que Galicia non ten que seguir vivindo da identidade -pode ser un feito e un instrumento, pero non dá de comer e debe integrarse nas grandes forzas, exceptuando o de Fernando González Laxe, ao que eu lle notei esa visión modernizadora.

O discurso de Fernando González Laxe foi o máis avanzado?
O presidente Laxe sentou as bases de por onde tiña que ir Galicia en cuestións como as tecnoloxías e as relacións Galicia-Europa. Metas que non se levaron a cabo porque os Gobernos entraron no ensimesmamento. E coa identidade non comemos.

O problema demográfico que temos é moi grave?
Gravísimo, porque depende das forzas económicas e da vontade das parellas. Aínda non superamos o proceso de liberación da muller, que está influíndo niso, como xa o fixeron Suecia e outros países. Ademais Galicia non ten unha gran metrópole -unha Barcelona, un Madrid-, unha proa que dirixira o país cara á modernización.

(…) Hai que reformularse o papel que xogou a emigración?
Eu renego da visión vitimista, con todos os respectos para o amigo Beiras, que dixo que o galego que collía a maleta renunciaba á revolta. Hai unha emigración forzada polas circunstancias económicas, pero poucas veces pola supervivencia. A emigración foi porque había moita xente na familia.Hai tamén un sector intelectual que se sentía afogado aquí e se vai pola utopía republicana. Os centros galegos nacen dunha inxección intelectual de xente moza, galega, que se decanta da potencia que tiña aquilo e mobiliza a opinión pública, funda xornais e xera unha ideoloxía de asociacionismo galego. A emigración supuxo tamén as remesas de capitais para Galicia. Sen eses recursos non se tería feito en Galicia cousas como a modernización da frota.

Entrevista de Luís Pousa a Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega. Ler entrevista completa na web de Galicia Hoxe.