Padrón: 50 aniversario da Casa de Rosalía

O pleno da RAG elixe o historiador Lourenzo Fernández Prieto académico de número

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega elixiu a Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) novo académico de número no pleno ordinario celebrado na tarde de onte. O historiador, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, ocupará a vacante producida polo pasamento da poeta Luz Pozo Garza en abril do ano pasado. Na mesma sesión declarouse a vacante producida polo pasamento de Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG entre 2001 e 2009, e oficializouse a finalización do mandato da comisión executiva presidida por Víctor F. Freixanes. A partir deste momento comeza o proceso que conducirá á elección da nova comisión executiva nun prazo máximo de tres meses.
Lourenzo Fernández Prieto é un recoñecido historiador nas dúas grandes liñas de investigación que desenvolve: a historia agraria contemporánea e o estudo da guerra civil e do franquismo. Na primeira destaca pola perspectiva innovadora que aplicou no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, ocupándose das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista. É coordinador do Grupo de historia agraria e política do mundo rural, Histagra, e dirixe tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Estudos Agrarios.
En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco na que presta especial atención á análise da memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu unha serie de estudos que se converteron nunha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX.
Ao longo da súa carreira, ten sido investigador principal de máis de vinte proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography). O académico electo é ademais director do Departamento de Historia da USC, onde se licenciou e doutorou con premio extraordinario, e vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA). Como historiador, tamén colabora adoito en medios de comunicación, e publica semanalmente un artigo en La Voz de Galicia.
No pleno do venres tamén se oficializou, de acordo cos estatutos da institución, a conclusión do mandato de Víctor F. Freixanes, elixido presidente da RAG fai catro anos, o 28 de marzo de 2017. A partir deste momento comeza o proceso que conducirá á elección da nova comisión executiva nun prazo máximo de tres meses.
Segundo a normativa da institución, ata o momento da nova elección ocupará interinamente o cargo de presidente o secretario da executiva saínte, Henrique Monteagudo, a quen lle corresponde poñer en marcha o proceso electoral. A candidatura ou candidaturas á presidencia da RAG que poidan concretarse deben ser presentadas ata 48 horas antes da data que se fixe para o desenvolvemento do pleno extraordinario de elección.”

A Real Academia Galega lamenta o pasamento do expresidente Xosé Ramón Barreiro Fernández

Desde Nós Diario:
“O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, manifesta en nome da institución o fondo pesar pola perda do profesor Barreiro. “Foi un compañeiro activo e comprometido coa institución, á que dedicou moito esforzo e moito tempo. Botarémolo moito de menos”, expresa. Xosé R. Barreiro asumiu como presidente, entre decembro de 2001 e decembro de 2009, “unha etapa moi importante de renovación e modernización da Academia, que se iniciara no período como presidente de Francisco Fernández del Riego, con quen foi tesoureiro”. Víctor F. Freixanes salienta tamén o seu papel como historiador dentro e fóra da RAG. “Foi un membro destacado da xeración de historiadores que anovaron o estudo desta ciencia en Galicia a partir de década dos 80. Prestou especial atención a capítulos importantes da historia contemporánea de Galicia e da súa cultura, e á preservación da memoria da Academia, con achegas tan relevantes como a biografía do primeiro presidente da RAG, Manuel Murguía”.
A vinculación de Xosé Ramón Barreiro Fernández coa Real Academia Galega remóntase ao ano 1971, cando foi nomeado membro correspondente da institución. O 14 de febreiro de 1997 converteuse en académico de número, a proposta de Antonio Fraguas, Xosé Filgueira Valverde e Antonio Meijide Pardo, coa lectura do discurso O liberalismo coruñés: a segunda xeración (1823-1846). Tras ser tesoureiro da institución entre 1997 e 2001, durante a presidencia de Francisco Fernández del Riego, asumiu a presidencia entre 2001 e 2009, período no que se iniciaron os procesos de dixitalización de fondos e informatización dos recursos da Academia.
Como especialista na figura de Manuel Murguía, foi ademais coeditor do seu epistolario, as máis de 1600 cartas conservadas no arquivo da Real Academia Galega. O historiador exerceu tamén dende a Academia un papel destacado na divulgación da figura de Emilia Pardo Bazán como director do grupo de investigación La Tribuna da Casa- Museo Emilia Pardo Bazán, autora sobre a que escribiu diversos artigos.

Xosé Ramón Barreiro Fernández ingresou no seminario de San Martiño Pinario e proseguiu os estudos de Dereito Canónico na Universidade Gregoriana de Roma, onde se licenciou en 1963. Dous anos despois doutorouse na mesma universidade coa tese A perpetuidade subxectiva do beneficio eclesiástico, pola que recibiu a cualificación de Summa cum laude e a medalla de ouro da universidade. De regresou a Galicia, foi profesor no seminario e en 1974 rematou os estudos de Filosofía e Letras (Sección Historia) pola Universidade de Santiago de Compostela coa memoria de licenciatura La Ilustración en la Universidade de Santiago de Compostela, que acadou o premio extraordinario. Doutorouse en 1979 coa tese El campesinado gallego en la historia contemporánea. (…)”

“Aínda que non sexa 17 de maio, hoxe é un Día das Letras Galegas”

Desde o Concello de Carballo:
“”Está contento, don Alfredo?” A pregunta retórica do profesor e historiador Xan Fraga á escultura do Fillo Ilustre de Carballo non precisaba resposta, pero, onde queira que estea, Alfredo Brañas seguro que contestou que si. Aínda que se lle levan dedicado moitas homenaxes, placas, un cruceiro, un instituto e unha rúa, como lembrou o alcalde, Evencio Ferrero, o acto deste venres 11 de xaneiro foi moi especial, porque conmemoramos o 160 aniversario do nacemento no noso concello do autor de El Regionalismo.
Á súa obra e á súa importancia tanto política coma literaria aludiron dun xeito reiterado os convidados á celebración, dende o propio Xan Fraga, cronista “oficioso” de Carballo, ata o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e o ex presidente, historiador e gran estudoso da figura de Alfredo Brañas, Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Os actos comezaron na Alcaldía cunha recepción oficial na que participaron, ademais do Padroado Alfredo Brañas en pleno, representantes dos grupos políticos da corporación municipal e os alcaldes de Malpica, Ponteceso e A Laracha. Freixanes asinou no Libro de Honra do Concello de Carballo e foi agasallado por Evencio Ferrero co noso xa representativo carballo de Sargadelos.
A continuación, a comitiva desprazouse ata a rúa Coruña. Xunto á estatua do escultor César Lombera e a casa natal de Alfredo Brañas celebrouse outro dos actos da xornada: unha ofrenda floral acompañada coa interpretación do Himno Galego por parte de antigos membros do grupo de gaitas do Centro Cultural Alfredo Brañas e un breve recitado a cargo dunha alumna e da directora do instituto que leva o seu nome.
Dende alí, e tras unha rápida visita guiada por Xan Fraga ao exterior da casa, a música acompañou a autoridades, convidados e veciñanza que se sumou á celebración ata o Casino de Carballo, escenario da interesantísima conferencia “Alfredo Brañas, unha memoria viva”.
Como apuntou o presidente da Real Academia Galega, é importante poñer en valor a figura de Alfredo Brañas, e a xornada de onte foi unha demostración da importancia que a súa figura ten para o noso concello e para Galicia. Por iso, como tamén dixo Freixanes, “aínda que non sexa 17 de maio, hoxe é un Día das Letras Galegas”.”

María Xesús Lama e Emilio Ínsua reciben ‘ex aequo’ o I premio de investigación Ramón Baltar

Desde Cultura Galega e a Fundación Rosalía:
“A obra Cantos de independencia e liberdade (Galaxia, 2017), da profesora María Xesús Lama, e A nosa terra é nosa: a xeira das Irmandades da Fala 1916-1931 (Baía Ensaio, 2016), de Emilio Insua, foron as gañadoras, ‘ex aequo’, do I premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijoo que convoca a Fundación Rosalía de Castro. O premio, que é honorífico, ten por sentido “contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental Ramón Baltar Feijoo, e convócase cada dous anos.
O xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados e salientou a á “relevancia do traballo” destas dúas obras premiadas. Está formado por Xosé Luís Axeitos, membro da RAG; Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e ex presidente da RAG; María Xesús Pato, escritora; Alba Nogueira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijoo; ademais de Anxo Angueira e Xosé Carlos Beiró, presidente e secretario da Fundación Rosalía respectivamente.”

“Onte 1822: Arredor das Irmandades da Fala, presentación na Coruña”, por Manuel Bragado

Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“Nun serán de galerna presentamos na Librería Sisargas da Coruña Arredor das Irmandades da Fala, o volume colectivo coordinado por Luís Cochón, cuxa edición foi apoiada polos concellos de Compostela, Coruña e Ferrol. Un acto literario brillante no que interviron, ademais do director do proxecto, os profesores Arturo Casas e Xosé Ramón Barreiro Fernández e o alcalde da Coruña Xulio Ferreiro. (…)
Arturo Casas centrou o seu discurso na figura do seu parente Víctor Casas, “na miña familia ‘o pobre Víctor’. o director do xornal A Nosa Terra, cando foi fusilado en Poio o 12 de novembro de 1936, o único liberado do Partido Galeguista”. Arturo glosou a figura do xornalista fusilado, como lembrou que o foran tamén Manuel Lustres Rivas, Xohán Carballeira e Roberto Blanco Torres, e lamentou que a pesar da súa actividade xornalística dende os vinte anos fose un perfecto descoñecido. “O seus artigos foron recollidos por Enrique Romasanta no libro Escritos políticos, publicado por Edicións A Nosa Terra, onde recolleu algunhas das súas columnas publicadas baixo o título “Do momento”, análises que teñen transcendencia hoxe, quizais por que asuntos diso que se chama España non avanzan”. Citou Casas a carta que Víctor escribiu a Gómez Román a noite antes que fose fusilado, “pedindolle que o Partido Galeguista se refundase na esquerda, o que el sempre defendía”. “Víctor Casas tamén participou na tentativa de facer un teatro nacional galego. Tiña criterio no ámbito da poesía. Foi un ideólogo importante na estratexia política do partido e, sobre todo, un xornalista”. Rematou Arturo parabenizando a Luís Cochón, “un gran director de escena capaz de montar unha obra tan interesante como a que hoxe presentamos”. (…)”