Entrevista de Montse Dopico a Xurxo Souto en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Nada máis comezar [Contos do mar de Irlanda] dis que ti es terrícola, que nunca traballaches no mar. E que non estás con esa máxima de que “as cousas do mar non se contan na terra”, senón todo o contrario. Esa é a idea do libro?
– Xurxo Souto (XS): É a idea, si. É, xa o dixen outras veces, a miña resposta contra unha fraude. Quero facer agromar o que non nos aprenden na escola, nin nos medios de comunicación… Penso que temos que mudar a nosa visión da realidade do mar. Porque non vivimos na periferia, senón no centro do mar, como dixo o sabio Staffan Mörling. Unha vez preguntáronlle por que fora vivir á fin da terra e el respondeu iso, que vivía no centro do mar. Alén da importancia da pesca na nosa economía, estamos no centro da ruta da mariña mercante máis importante do mundo. Mais diso só nos decatamos cando pasa algo malo, como as mareas negras.
Estamos no centro da máis importante autoestrada do mar. Dinnos que o centro é París, ou Londres, ou Berlín, mais os barcos que van cara ao norte de Europa, desde África, desde o centro e o sur de América… pasan por aquí. O patrón de pesca Serafín Mourelle explica ben isto. Conta que os mariñeiros de Fisterra que veñen de Capetón (Capetown), ou de Bos Aires, cando van de ruta para Bremen, onde non os espera ninguén, asómanse para ver a súa casa ao pasar por diante dela… Non é casualidade que pasen cousas con pretroleiros nas nosas costas. É que estamos no medio dun fluxo económico brutal. (…)
– MD: Falas da poética do mar… E citas no libro non só músicos, senón escritores terrícolas como Manuel María ou Uxío Novoneyra, teatreiros como Manuel Lourenzo, pintores como Lugrís… Toda a arte que ten unha relación especial co mar.
– XS: Serafín apagaba as luces para ver as estrelas e ese pode ser o mellor momento para reflexionar na soidade infinita, para escribir… E o libro ten que ver moito con iso, coas emocións da xente do mar, como che dicía.Tamén son moi emocionantes as presentacións do libro: que alguén diga, como pasou, “é a primeira vez que conto isto en público”. É moi emocionante, e á vez terrible porque, como é posible que esas cousas non se contasen? Por iso é un libro vivo, que vai medrando co que aprendemos en cada presentación, co que a xente se vai animando a contar.
Falo tamén de músicos, de escritores, de pintores como Ksal que aquí pouca xente coñece. E entre todos eles van construíndo ese capital cultural do océano que está tan agochado. É un problema de desencontro que temos, coma tantos outros. Ademais, é a función das artes, tamén, conformar unha cosmovisión das cousas. Con Lugrís, por exemplo, temos unha relación especial: temos un colectivo, In Nave Civitas, que reivindica a súa obra. Ademais, ver o que significaban as historias do mar para un terrícola como Novoneyra axuda a cambiar a nosa perspectiva. Pensa por exemplo en Lisboa: a praza central está ao lado do mar, non no centro. Pois así tería que ser con nós. Aos ollos do mar, A Coruña e Vigo son a mesma cidade. (…)”