Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Francisco Fernández del Riego, que reproduce a entrevista (realizada en 1985) contida en Oficio de escribir (Edicións do Castro, 1990), co permiso do seu autor, Luís Rei Núñez:
“– Principal trazo do seu carácter?
– A teimosía.
– ¿A cualidade que prefire nun home?
– A ética.
– ¿A cualidade que prefire nunha muller?
– A beleza e o talento.
– ¿O que máis aprecia nos seus amigos?
– A entrega amistosa.
– ¿O seu principal defecto?
– A manía da puntualidade, porque me excedo.
– ¿A súa ocupación favorita?
– O traballo en xeral.
– ¿O soño de ventura?
– Unha Galicia rica e potente no mundo material e no da cultura.
– ¿Cal sería a súa maior desgracia?
– Que o meu país se perdese e que os meus amigos se alonxasen de min.
– ¿Que quixera ser?
– O que son.
– ¿En que país desexaría vivir?
– En Galicia.
– ¿A color que prefire?
-O branco e o vermello.
– ¿A flor que prefire?
– A rosa e o alhelí.
– ¿O paxaro que prefire?
– O xílgaro.
– ¿Os seus autores favoritos en prosa?
– Os novelistas do XIX: Balzac, Stendhal, Dostoievski, Dickens…
– ¿Os seus poetas preferidos?
– Hölderlin, Rilke e Rosalía.
– ¿Os seus heroes de ficción?
– Lanzarote do Lago.
– ¿As súas heroínas favoritas de ficción?
– Eloísa.
– ¿Os seus compositores preferidos?
– Rimsky-Korsakov e Beethoven.
– ¿Os seus pintores predilectos?
– Rembrandt, Van Gogh e Goya.
– ¿Os seus heroes da vida real?
– … Non se me ocorren.
– ¿As súas heroínas históricas?
– … Tampouco teño ningunha na mente.
– ¿Os seus nomes favoritos?
– Amistade. Amor.
– ¿Que detesta máis que nada?
– A mentira, a hipocresía, a falta de honestidade.
– ¿Que caracteres históricos desprecia máis?
– Os dictatoriais de tódolos tipos.
– ¿Que feito militar admirou máis?
– Son pouco afeizoado a destacar feitos militares.
– ¿Que reforma admira máis?
– …
– ¿Que dons naturais quixer ter?
– Talento e vontade.
– ¿Cómo lle gustaría morrer?
– Sen sentilo.
– ¿Estado presente do seu espírito?
– De optimismo.
– ¿Feitos que lle inspiran máis indulxencia?
– ….
– ¿O seu lema?
– Traballar.”