Lingua coa que queremos construírnos, artigo de Marta Dacosta

Artigo deMarta Dacosta Marta Dacosta en Sermos Galiza:
“Nos inicios do meu camiño cara á lingua, están os anos de instituto. É certo que eu xa traía esa fame, por iso, cando en 1980 comecei recibir as primeiras aulas de galego, acabei de saber que me faltaba. E así a lembranza daquel profesorado do IES Santo Tomé do Freixeiro, en Vigo, ten un lugar importante na memoria da lingua, como aquel primeiro manual de galego, como o Rosalinda de Fausto a soar nunha clase ateigada. Logo souben que nese momento comezaba impartirse galego como materia. Mais naquel instituto xa había outras profes que impartían as súas aulas en galego, por exemplo matemáticas, algo que non pasaba desapercibido á nosa atención adolescente.

O certo é que naquela década a lingua e a necesidade de debater sobre a súa presenza no ensino ocupou unha parte importante do noso tempo: no instituto, no Colexio Universitario, na Facultade. Sempre reclamando máis presenza.

Porque a docencia en galego é útil, necesaria, imprescindíbel.

Logo chegounos a hora de sermos nais e pais e aprendémoslle ás nosas fillas e fillos a lingua de noso, desexando que non tivesen que transitar o camiño, ás veces amargo, que nós realizamos cara á nosa lingua. Desexos incumpridos, porque todo ao seu redor fainos estraños.

E os datos chegaron para confirmar as sensacións e unha pregunta comezou a baterme na cabeza: falarán en galego as fillas ou os fillos do meu fillo? Que futuro lle agarda ás miñas netas?

Por iso este 8 de febreiro estarei outra vez na rúa, porque quero vivir en galego, porque quero que os nosos fillos e fillas poidan vivir en galego, porque quero que poidan aprenderlles a lingua ás súas fillas e fillos e porque quero que as miñas netas ou netos poidan vivir en galego, coma un día viviron as e os avós.

O día 8 percorrerei Compostela para reclamar que se adopten todas as medidas necesarias que me permitan soñar que un día sentirei esta lingua nosa na boca doutra xeración. Porque …

démoslle a LINGUA
e a lingua é AMOR
non é unha coiraza
que poida defendelo cada vez que non oe
falar na súa lingua, cada vez que ao redor
falan nesoutra lingua, cada vez que lle din
por que fala esta lingua, cada vez que lle esixen
que fale esoutra lingua

que a lingua non é coiraza que poida defendelo
cada vez que lle negan ESTAR na súa lingua

démoslle a LINGUA
e a lingua é POBO
non é unha espada
que poida defendelo cada vez que lle negan
que esta patria ten lingua, cada vez que lle negan
que esta é a que nos pertence, cada vez que lle negan
que ela é identidade, cada vez que lle negan
que somos porque falamos

que a lingua non é espada que poida defendelo
cada vez que lle negan SER na súa lingua

que a lingua é AMOR
o amor das avós que a ergueron como CASA
en que fomos nacendo para que sempre fose
un lugar de FUTURO

que a lingua é POBO
o pobo que a creou para dar nome á TERRA
e deixarnos memoria de quen somos e como
queremos CONSTRUÍRNOS

Marta Dacosta, febreiro de 2015